sábado 31/10/20

PLABALI convoca unha marcha lenta pola anulación da OU-540

A cita é para o día 6, e a comitiva cubrirá o tramo que une a Madalena con Casal do...
28.1.2013 Autovia Celanova

A cita é para o día 6, e a comitiva cubrirá o tramo que une a Madalena con Casal do Bispo

REDACCIÓN

[email protected] Twitter: @Dendealimia

A Plataforma para o desenvolvemento social, económico e natural sostible da Baixa Limia (PLABALI) convoca unha caravana automobilística lenta para o vindeiro domingo, día seis de abril. Esta marcha celebrarase en protesta pola anulación da estrada que segundo estaba proxectado, uniría Celanova con Portugal. Sairá ás once da mañá desde a fronteira portuguesa, no lugar da Madalena no Concello de Lobios e finalizarán en Casal do Bispo ao carón da gasolineira onde os membros da asociación farán lectura dun comunicado.

A Xunta vén de deixar sen efecto o proxecto da estrada (consulta aquí a nova: http://www.dendealimia.com/web/?p=3307 ), e os veciños laméntanse de que “deixar de mellorar a única vía de comunicación pola que recibimos os servizos básicos, déixanos nunha situación máis parecida a da África subdesenvolvida, que a un país da Unión Europea”. Ademais resaltan que esta cancelación tamén afecta ao resto da provincia, “pois prívaos dunha vía estratéxica para a comunicación de persoas e servizos con Portugal”.

O colectivo polo desenvolvemento da Baixa Limia critica a actitude do goberno autonómico, de quen asegura que “só fai pedir cartos ao Estado e a UE baseándose na dispersión e no envellecemento da poboación, e despois lévaos ás zonas máis urbanas de Galicia, coma o caso da costa, chea de vías rápidas de autovías”, explican en PLABALI.

A indignación deste colectivo chega tamén ao Conselleiro de Medio Ambiente a quen acusan de terlles “mentido e enganado nas reunións” que mantiveron onde tamén estiveron presentes os alcaldes da Baixa Limia. Pois aseguran que lles dixo “que a mellora só quedara en suspenso”. Os veciños senten que a Administración “se riu” deles “con ese rego de chapapote a saltos que botou en zonas da 0U-540, e que pretendeu vender coma mellora da estrada”.

Comentarios