viernes 17/9/21
Aprobadas pola deputación as axudas aos clubs deportivos

350.000 € para os clubs deportivos da provincia

Subvencións de ata 24.000 € para a tempada 20/21
sports
sports

A Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da convocatoria do concurso para a concesión de axudas a clubs deportivos de Ourense para o ano 2021. A finalidade desta convocatoria é financiar parcialmente os gastos derivados da súa participación na competición deportiva durante a tempada 2020-2021. O investimento destinado para dita convocatoria ascende a 350.000 euros, sendo a contía máxima das axudas de 24.000 euros por cada beneficiario.

Esta liña de axudas vai dirixida a clubs deportivos que reúnan os seguintes requisitos: estar inscritos nos rexistros deportivos da Xunta de Galicia; ter o seu domicilio social na provincia de Ourense, circunstancia que deberá constar na inscrición no rexistro deportivo oficial da Xunta de Galicia; participar na tempada 2020/2021 en competicións oficiais, calquera que sexa o seu ámbito, convocadas polas súas respectivas federacións; e posuír, polo menos, un equipo de base acreditado, é dicir, inferior á categoría senior ou absoluta. Para os clubs que compitan en disciplinas individuais establécese como requisito básico posuír un mínimo de dez licenzas federativas de deportistas de base en competición. As entidades polideportivas, para ser consideradas como tales, deberán posuír e acreditar base en cada unha das disciplinas deportivas.