O Antela F.C busca quen o dirixa para a nova tempada

antela
O Antela F.C busca quen o dirixa para a nova tempada

A Xunta Xestora que se fixo cargo do club anunciou a súa retirada

A Concellería de Deportes de Xinzo de Limia fixo pública a nova de que a Xunta Xestora que estivo á fronte do Antela Fútbol Club durante a tempada 15/16, notificou que non seguirá exercendo como tal na vindeira tempada.antela

Ante a falta a día de hoxe dun relevo que asuma o cargo, a concellería optou por abrir un prazo de 15 días para todas as persoas que estean interesadas en dirixir o club se poñan en contacto co Concello. Neste caso deberán dirixirse ó concelleiro de deportes.

Luis Miguel Gil sinalou que "sabendo que é un club privado, decidimos ser nós os que levemos as conversas xa que todo o noso fútbol base durante estas tempadas estivo rexido polo Antela Fútbol Club".

No caso de que ninguén se quixera facer cargo, dende a concellería sinalan que todo o fútbol base pasaría a xestionarse polos técnicos deportivos municipais dentro do club Escolas Deportivas Concello de Xinzo de Limia.

"Para esta concellería o Antela F. C. é un club lexendario no noso concello, provincia e autonomía. Os seareiros deben dar un paso adiante como fixeron outras veces para facerse cargo da entidade", matiza Luis Miguel.