martes 4/8/20

Bande acolle a III Carreira Popular Vía Nova

A cita deportiva terá lugar este sábado día 4

Bande acolle a III Carreira Popular Vía Nova

    O concello de Bande presenta a que xa é a terceira edición da carreira popular Vía Nova. A proba deportiva desenvólvese por distintas categorías e na pasada edición conseguiu superar os 200 participantes. 

A cita co deporte é o vindeiro sábado día 4. A xornada comeza coa carreira dos escolares a partir das 19h e que vai dos 100 metros ata 2.000 metros. A categoría absoluta, cun percorrido de 8 quilómetros, celebrarase a partir das 20.00 horas.

A saída terá lugar na praza da Constitución do municipio e a carreira discorrerá polo casco urbano de Bande, cunha dificultade media, segundo informan dende a organización.

 Entre as novidades desta edición destacan os trofeos que son obra do escultor Toño Monteiro. Para os participantes faráselle entrega de camisetas deportivas e ó longo da proba haberá mesas de hidratación, doces e saladas.

 O alcalde de Bande destacou que este tipo de eventos “contribúen á difusión e promoción do municipio atraendo cada ano a un maior número de adeptos”. José Antonio Armada engadiu que esta carreira popular “é a única con estas características na comarca da Baixa Limia, un reclamo para que a xente se achegue a coñecer a zona. Bande quere estar á vangarda do deporte na provincia de Ourense”.

Os máis pequenos poderán gozar coas atraccións que se disporán na zona onde tamén haberá música en directo. Os asistentes poderán degustar unha cea despois das carreiras, por un prezo de 12 euros.

 

Comentarios