miércoles 23/6/21

A derrota marca a sétima xornada de liga para os equipos limiaos

O Antela caeu en Eiroás e o Boado, a pesar de anotar ata tres tantos, sucumbiu ante o Arenteiro MARÍA FERNÁNDEZ...
IMG_0013

O Antela caeu en Eiroás e o Boado, a pesar de anotar ata tres tantos, sucumbiu ante o Arenteiro

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

Covadonga 2- Antela 1

Esta tarde o Antela viaxaba ao campo de Eiroás consciente de que se enfrontaría a un rival forte. O encontro iniciouse con bo pé para os branquinegros, cando na primeira parte un gol de Iago os colocaba por diante no marcador. Pero pouco durou a alegría. Máis tarde os locais crecíanse anotando dous tantos, que significaban tres puntos máis na clasificación e o final do partido.

 O conxunto limiao queda así co mesmo marcador ca semana pasada, sumando seis puntos que os fan caer un posto, e que os achegan un pouco máis á área de perigo. Na oitava xornada de liga, o Antela recibirá na casa ao Sporting Celanova, partido que parece a primeira vista sinxelo, ao tratarse do pechacancelas do campionato.

Boado 3- Arenteiro 4

Moitos goles pero pouca esperanza. O Boado leva xa tres xornadas consecutivas perdendo, situación que o arroxa ata o temido posto número 16. Por un tanto caeu hoxe na casa, nunha tarde chuviosa, ante o Arenteiro. Os  45 primeiros minutos de partido foron obra e graza do equipo de Carballiño que marcou o ritmo anotando desde o minuto catro. Para o descanso o marcador era 0-3, con goles de Canexón (min. 4) e Víctor Gallego (min. 9 e 11).

A segunda metade non empezaba moi esperanzadora para os laranxas xa que ao pouco de saltaren ao campo, no minuto 47 o Arenteiro volvera penetrar na área cun tanto de Quiroga. Pero cando estaba a punto de cumprirse unha hora de partido, o Boado reactivouse moi rapidamente conseguindo ata tres goles moi seguidos no tempo, obra de Pablo, Camilo Vila e Javier Vispo. A pesar da destreza destes homes e a motivación repentina do equipo, os esforzos non foron suficientes. A semana que ven, toca desprazarse ata Oira para medirse co Ponte Ourense.

O Bande perde pero non se afasta do liderado da clasificación

Muíños e Entrimo caeron tamén ante os seus respectivos rivais, pero eles si descenden na táboa

O Bande que se mantiña invicto desde o inicio do campionato, sucumbía hoxe na Merca por catro goles a dous. Porén, esta derrota non supón o seu descenso na clasificación, da que continua líder atesourando xa 18 puntos. O seu próximo rival será o Allariz B ao que visitará en Os Cruceiros a xornada que ven.

A mesma sorte correron os outros dous equipos limiaos que compiten no grupo X da Segunda División Autonómica. O Soutopenedo venceu na casa por dous goles a un, a un Muíños que cae tres puntos na táboa desde o bronce da terceira posición ata a sexta. E derrota alarmante a do Entrimo en Maceda, na que os locais lograron encaixar ata cinco tantos sen resposta algunha do rival. Os partidos da semana próxima serán na casa, onde o Muíños recibirá ao Cartelle, conxunto que o segue moi de cerca na clasificación, e o Entrimo ao Soutopenedo.

O Porqueira mantense no máis alto

Empate no derbi entre o Lobios e o Calvos, vitoria para o Vilar de Barrio e derrota do Antela

O Porqueira venceu hoxe ao Rocas por un gol a cero a domicilio. Esta nova vitoria non fai máis que alimentar o seu marcador que suma xa trece puntos, e confirmalo como o líder invicto do grupo XII da Terceira División Autonómica. Sen saír da Limia o Porqueira enfrontarase na sexta xornada de liga ao Antela B. O filial da Moreira caía o sábado por cero a dous ante o Vilar de Barrio

O derbi da xornada disputado polo Lobios e o Calvos de Randín en terras da Baixa Limia, saldouse cun empate a un, deixando ao primeiro no cuarto posto, e aos limiaos no décimo. Para a semana o Lobios enfrontarase a un novo derbi en Vilar de Barrio, e o Calvos recibirá na casa ao San Roque.

Comentarios