As estradas da provincia reunirán en Semana Santa a 800 ciclistas na Challenge Os 4 días de Ourense

Presentacion Challenge Os Catro días de Ourense
As estradas da provincia reunirán en Semana Santa a 800 ciclistas na Challenge Os 4 días de Ourense
Do 14 ao 17 de abril, atravesando tamén os municipios de Ourense, Maceda, Vilar de Barrio, Paderne, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Taboadela

Ao redor de 800 deportistas, segundo cálculos da organización, participarán do 14 ao 17 de abril nunha nova edición da Challenge Os catro días de Ourense. Turismo Deportivo, o desafío ciclista que regresa ás estradas da provincia despois de dous anos de ausencia. Unha proba única a nivel nacional pola súa duración e na que está prevista a presenza de equipos sénior e máster do noroeste de España e do norte de Portugal.

A proba foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias; o xefe de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; a xerente do Inorde, Emma González; o presidente da Fundación ADO Moure, Carlos Moure; e Jorge Villarino de La Región.

Cada unha das catro probas, coa participación de ciclistas de ata dez categorías nas modalidades feminina e masculina, sairá da estación de Baños de Molgas e terá un percorrido medio de 70 quilómetros, atravesando tamén os municipios de Ourense, Maceda, Vilar de Barrio, Paderne, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Taboadela.

A presente edición supón o regreso do desafío ciclista ao calendario deportivo ourensán, logo de dous anos de ausencia como consecuencia da pandemia. A organización constata que “hai interese por volver a participar na proba polo ritmo nas inscricións”, agardando contar cunha media de 200 ciclistas en cada día de competición.