martes 27/10/20

A familia do atletismo medra en Xinzo ata acadar os 120 socios que forman Limiactiva

O 2014 foi o mellor ano en canto a logros deportivos

limiactiva

    Se falamos de atletismo na Limia temos que falar da Asociación Deportiva Limiactiva. Fai unha década xuntáronse catro amigos que se reunían para acudir as carreiras populares. Un día decidiron dar un paso máis, elaboraron uns estatutos e puxeron en marcha este proxecto deportivo que conta xa con 120 socios e socias da Limia e de todas partes como Ourense ou A Coruña. "Fai 10 anos era impensable ter unha escola deportiva de atletismo, ter unha sección de orientación con campeóns galegos nas dúas modalidades, é que crecemos moito", comenta orgulloso o presidente da asociación, Óscar Gómez. 

Acaban de presentar a nova tempada dando unha benvida ós novos socios e sociais e facendo un balance dos resultados acadados. O ano 2014 foi un dos mellores neste senso, "fomos campeóns galegos en campo a través na categoría infantil e subcampeóns na categoría cadete, fomos campeóns provinciais en varias probas de pista e en orientación Irene Morales foi campeona galega", resalta Óscar entre os moitos logros deportivos conseguidos. 

Limiactiva conta cunha canteira de atletismo importante, "o noso maior orgullo son as escolas deportivas" pequesindica o presidente. Dáse o caso de que os máis pequenos acaban arrastrando ós seus pais e estes ós seus amigos ou parellas que rematan entrando na asociación deportiva formando unha gran familia do atletismo.

 Contan ademáis cun circuíto de orientación con 6 probas que se celebran durante todo o ano e mesmo organizan unha proba do campeonato galego de orientación. 

No 2014 a xente de Limiactiva participou en 70 carreiras celebradas por toda Galicia, España e mesmo algún chegou a correr na maratón de Berlín ou Oporto. 

Para formar parte deste club hai que rexistrarse na súa páxina web www.limiactiva.com. Poden ser socios ou socias colaboradores pagando unha cota de 10 euros ó ano; ser socios ou socias activos, que non teñen licencia pero si participan nas probas; logo están os socios escolares, socios de atletismo e orientación e as empresas que colaboran con este proxecto. 

 "Estou moi orgulloso de todos , é moito traballo pero merece a pena e sobre todo que os máis novos se unan a outra alternativa de ocio que ademáis é compatible con outros deportes", recalca Óscar. 

Todas e todos eles forman un gran grupo que se chama Limiactiva, que entrenan xuntos ou pola súa conta e que elevan o nivel deportivo da Limia co seu esforzo. 

Comentarios