O FÚTBOL FLAG CHEGA POR PRIMEIRA VEZ A XINZO DE LIMIA

102
O FÚTBOL FLAG CHEGA POR PRIMEIRA VEZ A XINZO DE LIMIA

Por primeira vez a vila limiá contará cun equipo de flag fútbol, que está en proceso de formación, e é apto para todos os sexos e para persoas maiores de 16 anos

O flag fútbol é unha modalidade de fútbol americano no que se xoga sen contacto. En vez tirar ao xogar ao chan para deter a xogada o equipo defensor debe quitarlle ao que leva o balón unha das dúas bandeiras (flags) que colgan ao lados da cintura, que normalmente van con un cinto. Este deporte practícano homes e mulleres, ou ben en equipos do mesmo sexo ou en equipo mixto, que en Galicia é a modalidade que se xoga en liga.

102

Na nosa comunidade este deporte está regulado por a Asociación Galega de Fútbol Americano quen é a encargada de establecer a normativa vixente empregada en competición oficiais. Os equipos son mixtos e para persoas de máis de 16 anos. Están compostos por un máximo de 15 persoas, sendo 5 as que saen ao campo. Actualmente, a liga está dividida en dúas divisións, primeira e segunda, onde xogan, ata a pasada temporada, cinco e sete equipos respectivamente, aínda que se espera que este ano en segunda aumenten os equipos participantes.

En Xinzo nunca se fixera ningún equipo de fútbol flag nin de fútbol americano polo que este é un proxecto recente que se espera que saia adiante para poder conseguir debutar na IX Liga de Flag Fútbol que comeza en marzo de 2017. Fai uns anos, fixéranse un par de campus de iniciación da modalidade con contacto na vila impartidos polo club vigués Vigo Guardians. A estes campus acudiron sobre 20 persoas que ata agora seguiron en contacto. Algunhas delas máis amizades próximas, foron os encargados de formar o equipo actual. A día de hoxe, aos adestramentos están acudindo sobre seis persoas, aínda que o club busca chegar aos doce membros.

Aitor Paz Portela, o presidente do Club de Fútbol Americano Antioquía-Limia, asociación promotora deste proxecto, busca un único obxectivo que é fomentar un deporte minoritario que está en proceso de expansión na comunidade autónoma e, polo tanto, gustaríalle << promocionar e darlle saída a esta modalidade en Xinzo, que é a miña vila>>. Como el mesmo afirmou <<en Xinzo o deporte sempre estivo moi presente polo que é un bo lugar para fomentar un equipo dentro da vila, sexa da modalidade que sexa>>. Nun primeiro momento, a intención é consolidarse en fútbol flag xa que é menos custoso e se necesita menos xente, pero para un futuro non descartaría chegar a formar un equipo de fútbol americano, buscando, en ambas modalidades, <<darlle un empuxón a liga galega aportando clubes novos>>.

Por outro lado, na provincia de Ourense non existe ningún conxunto de ningunha das modalidades, polo que sería o primeiro equipo en competir da provincia. Fai uns anos chegouse a crear un club de flag na cidade de Ourense pero non saíu adiante a niveis oficiais nin se chegou a estrear en competición.

Esta semana, a partir do día 2 de novembro, o club comezará a adestrar oficialmente tódolos luns e mércores ás 20.30h no campo municipal J.A. Carrera, onde estarán esperando a calquera que se queira animar a formar parte do proxecto.