jueves. 01.12.2022

A velocidade é a paixón dunha moza de Guntimil que vai participar no I Campeonato de Karts Feminino en Galicia

A cita deportiva será en Porriño a partir do 24 de outubro

silvia_ricci (1)

    Silvia Ricci é o nome desta moza de 28 anos que combina o seu traballo coa súa paixón, os karts e o rally. A súa nai é veciña de Guntimil e o seu pai é italiano. Dende moi pequena deuse conta de que a súa felicidade atopábase na velocidade e o motor. Con tres anos subiuse por primeira vez a un kart de pedal e experimentou a adrenalina sen a que non pode vivir. A miúdo acudía a Monterrei ou Sanxenxo para alugar un destes vehículos e pasar os mellores momentos na pista. Cambiou os debuxos animados polos rally que tanto lle gustaba ver pola televisión. Foise abrindo oco con forza neste mundo de homes. Particiou tres anos no Rally Ourense como copiloto acadando moi bos resultados na clasificación final.

Agora dá un paso máis e busca gañar o primeiro campeonato de karts feminino que vai ter lugar en Porriño. Son 12 mulleres con idades comprendidas entre os 18 e os 40 anos con moitas ganas de pasalo ben e de triunfar e gañar. O campeonato comeza o 24 de outubro e remata o 24 de xuño. A cita ten lugar un sábado ó mes no Karting de Porriño e a entrada é de balde. 

Silvia é a única participante da provincia de Ourense e vai con toda a enerxía do mundo para gañar. Con tal fin entrena tres días á semana catro horas por día. Levántase ás 6,30 da mañá para acudir ó ximnasio, logo traballa na oficina e cando sae toca entrenar en pista. Son días duros pero todo esforzo é pouco cando algo te apasiona. "Hai que ser forte mentalmente e perseguir o soño, é difícil vivir deste deporte porque precisas ter un padriño pero hai que pelear duro por estar aí", comenta Silvia cos ollos cheos de enerxía.

Os seus pais non ven con bos ollos que a súa filla lle gusten os rally polo perigo que conleva este deporte. Pola contra que a Silvia lle apasionen os karts lévano mellor e acuden ós adestramentos a vela e sobre todo a darlle o seu apoio. 

Coas ganas que lle pon de seguro que consegue uns bos resultados no campeonato e acadará o seu máximo soño. "Quero ser alguén no mundo dos rally e dos karts, quero ser unha muller grande neste mundo", asinte con seguridade Silvia Ricci.

Comentarios