A ximnasia marca o ritmo en Xinzo de Limia

IMG_2122
A ximnasia marca o ritmo en Xinzo de Limia
Máis de 100 rapazas competiron onte na I Fase da Copa Deputación REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia A elasticidade, o esforzo, a música e...

Máis de 100 rapazas competiron onte na I Fase da Copa Deputación

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

A elasticidade, o esforzo, a música e a ilusión encheron onte, tódolos recunchos do pavillón municipal de Xinzo de Limia, con motivo da celebración da I Fase da Copa Deputación de ximnasia 2014. Papás, avós, amigos e afeccionados ateigaban as gradas, listos para o espectáculo e os seus aplausos repetíanse antes, despois e durante as 37 actuacións executadas de maneira individual ou en grupo polas máis de 100 ximnastas.

As rapazas, de categorías entre o prebenxamín e o junior, deixaron a pel en exhibicións de ximnasia rítmica individual e de conxuntos, ximnasia para todos e acrobática. Catro clubs estiveron representados na competición, o E.D. Concello de Celanova, o Club Marusia de Ribadavia, a Escola As Burgas, e o conxunto local, o Club Escolas Deportivas Xinzo de Limia.

E.D. Xinzo de Limia: “Somos un club novo pero con moito futuro”

Coa adestradora do club limiao, Sandra Alén, falamos minutos antes que comezara a competición. Contounos que o integran preto de 50 nenas, entre os seis e os quince anos, cubrindo así as categorías de prebenxamín, alevín e infantil. “Somos un club novo, por iso só temos as categorías inferiores”, explicounos a adestradora, o que por suposto non lles impide ter “moita esperanza e moito futuro”.  Á hora de lucirse ante o público, as nenas da Limia fixérono na especialidade de mans libres, xa que “son moi pequeniñas aínda para manexar os aparatos” e con tres bailes “moi interesantes” de ximnasia xeral.

A expectación era máxima e tal e como recoñecía o responsable de deportes do Concello de Xinzo, Luis Miguel Gil, a ximnasia “é a actividade deportiva que máis público atrae ao pavillón”. En definitiva, “un espectáculo con moito público que deixa ao auditorio contento e satisfeito, e o que menos importa é a clasificación”.