“121 MEDIDAS PARA QUE XINZO AVANCE”

foto grupal de Xinzo Adiante 2
“121 MEDIDAS PARA QUE XINZO AVANCE”

Este é o programa que a formación Xinzo Adiante propón para a gobernación do Concello de Xinzo de Limia.

PROGRAMA ELECTORAL DE XINZO ADIANTE

“121 MEDIDAS PARA QUE XINZO AVANCE”

O FUTURO DE XINZO DECÍDELO TI

TRANSPARENCIA, EQUIDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ DIRECTA

Auditoría das contas e da débeda pública e exposición das mesmas ante a cidadanía.

Elaboración dunha Relación de Postos de Traballo (RPT) do concello: definición das necesidades concretas do persoal e das funcións de cada posto de traballo público.

Participación cidadá directa na elaboración dos orzamentos municipais, mediante asembleas de barrio e parroquia, para que os veciños indiquen en que queren que invistamos parte dos cartos de todas/os.

Revisión e redistribución das taxas e impostos municipais, de modo que sexan xustos e equilibrados, en función do consumo de cadaquén e dos servizos recibidos.

Revisión do I.B.I., para que sexa xusto e equilibrado: redución da fiscalidade a persoas con necesidade ou arrendamento con fin social. Discriminación positiva do medio rural.

Desenvolvemento da personalidade xurídica das parroquias e dos barrios da vila para o fomento da participación colectiva.

Impulsar con outros concellos a demanda dun novo modelo de financiamento das entidades locais, que contemple variables que encarecen os servizos (como o avellentamento ou a dispersión poboacional).

Creación do Consello Municipal, con representación dos barrios e das parroquias (a través da elección democrática de pedáneas e pedáneos), das asociacións veciñais e culturais, dos movementos sociais...

Impulsar a relación directa do Concello cos veciños: cada día á semana haberá dispoñible un membro do equipo de goberno no Concello para atender directamente aos cidadáns, queixas, suxestións…

Publicación anual da declaración de bens de todas as concelleiras/os

TRABALLO DIGNO E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO.

Creación dun Centro Comercial Aberto, de xeito que os comerciantes da vila, co apoio do Concello, poidan unir esforzos para ser máis competitivos e animen aos cidadáns a consumir (facer publicidade en común, promoción dos distintos produtos, sorteos...).

Fomentaremos e incentivaremos a apertura de novos negocios, mediante exencións de tributos locais durante o primeiro ano de vida dos negocios.

Crearemos a Axencia Local de Promoción Económica que, entre outras cousas, axudará aos comerciantes e emprendedores con todo tipo de trámites administrativos e informaraos puntualmente das liñas de crédito existentes a todos os niveis, así como subvencións, promocións e outras iniciativas que se dean noutros concellos do País.

Revisaremos os impostos e taxas que pagan os emprendedores e comerciantes, procurando unha redistribución xusta dos mesmos, adecuada á realidade.

Procuraremos financiamento para acometer unha ampliación do Polígono Industrial urxentemente, facilitando solo para que se instalen empresas, abaratando o seu prezo ou cedéndoo directamente, coa condición de que contraten a cidadáns do noso municipio. E chegaremos a un acordo con XESTUR para a cesión da xestión do Polígono Industrial ao concello.

Converteremos o noso concello nun referente no eido agrícola, gandeiro e forestal: trátase de favorecer a instalación de industrias transformadoras dos alimentos e da madeira que producimos. Isto creará moitos postos de traballo.

Crearemos un Banco de sementes municipal.

Crearemos na praza de abastos un mercado de produtos de proximidade, non só relacionados coa alimentación.

Fomentaremos o asentamento de xente nova no rural, creando un viveiro de empresas para o rural e un Banco de Terras Municipal.

Estableceremos un programa de emprego municipal para persoas en situación de exclusión, así como programas específicos para as/ mozos que abandonan o sistema educativo.

Demandaremos á Xunta de Galicia novos ciclos de Formación profesional, relacionados coa economía da nosa comarca: Xestión de residuos agrogandeiros, Tratamento de augas e Hostelería.

Fomentaremos o autoemprego, o emprendemento e o cooperativismo entre a xente nova, mediante a realización de actividades formativas, relacionadas co autoemprego e o cooperativismo. Colaboraremos desde o concello con estudos de mercado e impulso de iniciativas que aposten polo traballo digno e estable.

Promoveremos as iniciativas de economía social e solidaria e terán bonificación nos procesos de contratación municipal.

Crearemos unha Mesa polo emprego e a inclusión social, integrada polo concello, asociacións empresariais e organizacións que traballan a prol da inclusión.

Crearemos un viveiro de empresas: Trátase de pór as instalacións municipais ao servizo da cidadanía. Hoxe en día hai locais municipais infrautilizados e mesmo en desuso. Trátase de acondicionar estes lugares, con puntos wifi, mesas e material de oficina e poñelo ao servizo dos emprendedores que se queiran instalar, cobrándolles un aluguer simbólico. Para isto, urbanizaremos a parcela que o concello ten no Polígono Industrial, para construír as infraestruturas necesarias para o viveiro de empresas, a asociación de empresarios e un centro interxeracional –gardería e centro de día- para fomentar a conciliación da vida familiar e laboral para as persoas que traballan no polígono.

Elaboración dun Plano de Desenvolvemento Rural, que defina a situación actual e as nosas posibilidades de desenvolvemento, ademais de dotar de asesoramento técnico aos actuais ou futuros proxectos económicos.

Crearemos un Consello Económico e Social, onde participen os sectores máis activos e dinámicos da sociedade limiá para deliberar as estratexias de desenvolvemento precisas para dotar de futuro o noso concello.

Adherirémonos á Rede de Mulleres Emprendedoras, para favorecer o autoemprego feminino.

ENTROIDO, FESTEXOS, TURISMO E PATRIMONIO

Potenciaremos Xinzo de Limia como destino turístico, promocionando non só o seu Entroido e a Festa do Esquecemento, senón toda a riqueza natural e artística do municipio. E apostaremos pola posta en valor do treito do Camiño de Santiago que descorre polo noso municipio.

Asinaremos convenios de colaboración con outros concellos da Limia para potenciar a comarca como destino turístico, incidindo na súa riqueza etnográfica, paisaxística, artística. Con isto, favorecemos a creación de emprego no sector hosteleiro e turístico.

Catalogaremos o noso patrimonio histórico, cultural e natural e elaboraremos un plan de conservación do mesmo. Poremos en valor o Mosteiro de Trandeiras e a Torre de Pena.

Crearemos rotas turísticas e traballaremos para o acondicionamento de ambas as marxes do río Limia en todo o tramo que discorre polo concello.

Procuraremos a implicación da sociedade e das empresas no deseño da estratexia turística desde a Comision Municipal de Turismo (concello-veciños-hotalería-comercio).

Potenciaremos o turismo sostible e de calidade.

Elaboración de guías de visita para os turistas, sinalización e elaboración de paneis explicativos para os principais activos turísticos do noso concello.

Fomentaremos a investigación sobre o noso patrimonio material e inmaterial.

Elaboraremos materiais didácticos para incorporar a realidade cultural e patrimonial do noso concello aos centros educativos de primaria e secundaria da nosa vila. O coñecemento do noso redunda na súa posta en valor, promoción e conservación.

Partida específica de apoio ás actividades culturais realizadas polas parroquias e as asociacións en relación coa posta en valor e mantemento do noso patrimonio material e inmaterial.

Haberá unha Concellería de Entroido, Turismo e festexos.

Procuraremos novas opcións de ocio para a mocidade.

Colaboraremos activamente coas comisións de festas na organización das distintas festas parroquiais, as patronais da vila e a Festa do Esquecemento.

Crearemos o Patronato do Entroido, integrado polo concello, asociacións veciñais e culturais, que recollerá as achegas dos veciños para a planificación, organización e realización de todas as actividades relacionadas co noso Entroido, festa limiá por excelencia. Demandaremos a colaboración cidadá na organización do Entroido, sen esquecer que é o concello o máximo responsable no tema.

MEDIO AMBIENTE E MEDIO RURAL.

Actuaremos contra os vertedoiros ilegais, aplicando as sancións máximas que contemple a lei contra os infractores.

Instalaremos puntos de compostaxe en distintos puntos do concello para fomentar esta práctica.

Limpar as antigas rotas, coidar as existentes e mesmo crear novas rotas de sendeirismo, así como unha rede de “carril bici”, fomentando así hábitos de vida saudables. Para iso, tamén poremos en marcha un servizo municipal de aluguer de bicicletas eléctricas.

Procuraremos aproveitar as instalacións municipais para levar a termo cursos ou campamentos de verán para os xoves, achegando os costumes e tradicións da Limia á mocidade.

Realizaremos un estudo sobre o estado das pistas agrícolas, cunetas e canles de rego e estableceremos un plan de conservación dos mesmos.

Defenderemos o noso sector agro-gandeiro ante a administración autonómica e estatal, procurando que estas adopten as solucións necesarias para paliar os problemas que afronta o sector.

Estableceremos un Plan de repoboamento do rural con medidas que aseguren o acceso á vivenda, transporte e ás novas tecnoloxías, para rematar coa fenda dixital entre a vila e o rural.