Os socialistas apostan polo actual voceiro no concello para aspirar a rescatar Rairiz da Veiga do abandono

Pablo Lorenzo
Os socialistas apostan polo actual voceiro no concello para aspirar a rescatar Rairiz da Veiga do abandono

PABLO LORENZO ELEXIDO COMA CANDIDATO Á ALCALDÍA POLO PSDEG-PSOE DE OURENSE NO CONCELLO DE RAIRIZ DE VEIGA

O PSdeG PSOE de Ourense confirma o seu sexaxésimo primeiro candidato de cara ás eleccións municipais do próximo mes de maio. A agrupación municipal socialista de Rairiz de Veiga elixiu a Pablo Lorenzo Dorado como o seu candidato a alcaldía da localidade. O actual voceiro dos socialistas na oposición voltará a repetir coma candidato na vila por segunda lexislatura consecutiva.

Pablo Lorenzo explica que se presenta as eleccións porque “temos graves carencias en diferentes materias coma a crise de poboación, a altísima débeda do concello, a falta de transparencia e xestión por parte do goberno municipal ou a carencia de iniciativas para dinamizar o rural. O goberno do PP ten abandonado, paralizado e sumido na desidia o concello de Rairiz de Veiga”.

O actual voceiro socialista remarcou que “temos unha perdida de poboación de entre 70-80 persoas de media o ano, que é unha auténtica salvaxada. Non se está facendo realmente nada para que mozos e mozas veñan a Rairiz ou queden en Rairiz”.

O candidato socialista apunta que “Rairiz funciona ó igual que o resto de concellos, seguindo a tónica habitual do PP na creación de emprego público. Cando se convoca unha praza para calquera posto que haxa, a única publicidade que se lle da é a mínima, coa súa publicación no BOP e os 5 días hábiles para presentar a documentación. Vimos reclamando dende hai anos, que esas ofertas de traballo se publiquen por tódolos pobos do concello, darlles facilidades á xente para que teña coñecemento desas convocatorias e non a través de chamadas telefónicas os 4 amigos que son os que traballan todo o ano”.

Lorenzo Dorado fala tamén da excesiva débeda do concello. “A débeda roza o millón de euros. Creemos que é algo que se incrementa cada ano, xa que non hai unha política que leve a baixar esta débeda. O gasto en persoal ronda os 600.000 euros nun concello cuns orzamentos que rozan o millón de euros. A débeda séguese mantendo ou engordando cada ano e non se fai nada para controlala. O concello limítase a facer obras cofinanciadas pola Deputación e normalmente cerca das campañas electorais, despois de pasar o resto do tempo facendo obras mínimas de mantemento, sen que a inversión real represente un pequeno porcentaxe dos orzamentos”.

“Dende o PSdeG-PSOE creemos que o concello de Rairiz é o concello con máis potencial paisaxístico, natural e rural da comarca da Limia. Somos o concello con máis casas de turismo rural, temos a Vía Nova, que pasa polo noso concello, pertencemos á reserva da biosfera, temos as veigas de Ordes, Currás e Congostro, que son un atractivo turístico importante, tamén a Carballa da Rocha, na zona da Saínza. Temos un gran potencial turístico que podía atraer a moita poboación e riqueza o noso concello, pero por parte do goberno municipal é un tema totalmente abandonado e que en ningún momento se planeou por parte do PP potenciar e enfocar a riqueza por esta vía natural”, explica o candidato socialista.

Pablo Lorenzo remata falando dos problemas das estradas. “Comprendemos que Rairiz é un concello con moita dispersión da poboación. Temos uns 1000 habitantes repartidos en case 50 núcleos de poboación, con moitos quilómetros de estradas que están desgastadas. Somos conscientes de que hai moitos quilómetros que manter, pero por parte da alcaldía non se está levando a cabo este mantemento. Cando chega a época do verán, o concello vese desbordado para manter as beirarrúas en condicións, coa herba dificultando a visión dos condutores e estradas con grandes buracos, que dificultan o tránsito normal de vehículos”.