martes 15/6/21

Elvira Tombo: “Son da época do Titanic, pero eu sígome mantendo a flote”

Esta veciña de Xinzo cumpre hoxe 102 veráns que celebrará o domingo rodeada de toda a súa familia REDACCIÓN [email protected] Twitter: @Dendealimia “É unha súper...
Elvira Tombo

Esta veciña de Xinzo cumpre hoxe 102 veráns que celebrará o domingo rodeada de toda a súa familia

REDACCIÓN

[email protected]

Twitter: @Dendealimia

“É unha súper aboa”, así a define unhas das súas netas, Montse Lama, a Elvira Tombo, unha limiá que nacía en Daimil tal día coma hoxe de hai 102 anos. “Sempre está lista para ir a unha festa, por suposto sempre rodeada dos seus netos, bisnetos e tataranetos” contounos Montse e é que Dona Elvira ten unha saúde envexable e está sempre de bo humor, camiña unha media de tres quilómetros ao día e non lle perdoa o chupito despois do café, “iso é sagrado”.

O certo é que esta veciña de Xinzo, nai de seis fillos, todos eles homes, “aínda pensa en celebrar o seu santo, como cada ano o vindeiro 25 de xaneiro”. Cando reflexiona sobre a súa lonxevidade, Elvira sentenza: “Son da época do Titanic pero eu sígome mantendo a flote”.

Unha loitadora nata que leva viúva desde 1974, despois de toda unha vida ao lado de seu home, que fora zapateiro en Paradiña.  Coñecerao a través de seu pai e seus irmáns cando traballaban na construción das vías do tren na Alberguería, e con el casou un amencer en Bóveda, pois el estaba a piques de ir ao servizo militar. Viviron en Paradiña, Vilar de Barrio e despois en Xinzo, onde tiveron aos seus catro fillos máis novos, todos eles célebres na vila: Oriente, que foi zapateiro coma seu pai, Juan que rexentou o restaurante Stop, Amador e José Luis. Hoxe vive cun deles, e xunto a súa familia, coma a ela lle gusta, soprará o domingo 102 candeas sobre a súa torta de aniversario. Moitísimos parabéns Dona Elvira!

Comentarios