viernes 23/10/20

“Eu creo, crin e seguirei crendo na vida do rural”- José Antonio Feijoo

O alcalde de Baltar, José Antonio Feijoo, considera a creación de infraestruturas a súa loita inmediata, e dálle moita importancia á pelexa contra a despoboación que ataca actualmente aos concellos galegos.

Jose A. Balta 1
Jose A. Balta 1

Que proxectos levan realizados nestes primeiros 6 meses de mandato?

José Antonio Feijoo: Sinceramente levamos a cabo moitos proxectos e moi importantes, porque as carencias deste Concello eran impresionantes. Unha das realizacións máis importantes foi por o Concello economicamente ao día porque había moitas débedas impresionantes, debíaselle a moitos provedores e nin sequera se estaban pagando as taxas de lixo daquela. Hoxe somos un Concello totalmente saneado onde a media de pagos anda entorno aos 15 días.

Neste período aparte de levar a cabo o Velatorio municipal, fixemos unha nave municipal para almacén, xa que antes as máquinas do Concello, ferramentas e demais tiñan que estar fóra, co cal propiciaron máis dun roubo e deterioro. Reformamos tamén a Casa do Concello, que seguramente era unha das peores de Galicia, xa que ata os servicios estaban practicamente inaccesibles. O único que estaba extraordinario era a vivenda da planta superior onde viviu o secretario, cunha planta toda para el. Na outra planta eran oficinas pequenas, habitáculos inadecuados, polo que se reformou ata o punto de dedicar as dúas plantas a servicio público. Metemos ascensor, calefacción, mobles e arranxamos o entorno da Casa do Concello, onde se inverteron centos de miles de euros e está todo integrado neste momento.

Ademais, fixemos a piscina municipal, na miña opinión unha das instalacións máis importantes da comarca, como se fixo con cafetería e instalacións modernas. Neste tempo tamén logramos arranxar unha estrada que ten moito tráfico porque discorre ao carón  da fronteira, que estaba nefasta, ata o punto de que neste momento está ao 90%. Levamos a cabo a travesía de Baltar con beirarrúas novas e hoxe é unha das mellores travesías en canto a seguridade e comodidade. Ademais, fixemos reformas na Casa da Cultura, onde temos instalado un museo. Esas instalacións estaban obsoletas e aproveitamos para acondicionalas, ter aí a biblioteca municipal, servicios informáticos...

Jose A. Balta 2

Levamos a cabo penso que moitas obras de infraestrutura, como locais públicos en todas as aldeas. Apenas temos só dúas que non contan con eles porque aínda non atopamos a instalación axeitada, pero todo o resto dos pobos están dotados de locais públicos onde a xente se poida xuntar de vez en cando e convivir.

Levamos feito moito, sei que quedan varias cousas por facer e en elo estamos!

Cales son os proxectos máis importantes que teñen programado levar a cabo este 2020?

Agora temos programadas algunhas realizacións importantes. Unha delas sería rematar o Plan Xeral de Ordenación Urbana, xa que levamos uns anos co mesmo e agora o temos un pouco atrancado polo tema de augas. A adecuación deste sistema de augas nas aldeas é imprescindible segundo Confederación para o seu visto bo do Plan Xeral, polo que o remate deste nos permitirá ter chan industrial. Eu creo que un dos grandes obxectivos é xerar postos de traballo para evitar a despoboación. Ademais, tamén temos entre mans unha residencia da terceira idade e seguir coas infraestruturas, xa que agora mesmo vai ser a nosa loita inmediata.

Tamén pelexar un pouco coa despoboación, como dixen antes, pondo o gran de area do que podemos influír os Concellos para ver se somos capaces de non seguir perdendo poboación. De todos os xeitos, eu case me sinto orgulloso porque que Baltar é un Concello dos que menos poboación perde. Estamos mantendo a poboación de fai dous ou tres anos e temos un colexio que foi incrementando alumnos, cousa bastante rara no rural. Creo que temos algunha dinamización cultural e iso tamén vai ser de cara ao futuro unha das cousas preferentes: seguir incrementando o eido cultural no sentido de que o que queira aprender tambor, gaita, acordeón ou facer ximnasia, danza ou demais o poida facer sen ter que desprazarse.

foto larouco-BaltarEn que lle gustaría que cambiase o Concello ao final do seu mandato?
Gustaríame que os veciños se sentiran partícipes de todo o que se fai, que sintan que o Concello é deles, que haxa unha concienciación cidadá de que é de todos e non dos alcaldes ou concelleiros que están alí. Que cando o vento tire un contedor que haxa alguén que o levante, ou que cando se vexa algo tirado polo chan, pois que o recollamos. Que teñamos un sentido de responsabilidade de que é noso e que o debemos coidar. E sobre todo, que os cidadáns se sintan máis a gusto e non teñan que estar añorando cousas da cidade, porque para min os pobos e o rural teñen un encanto que debería xustificar a supervivencia. Eu creo, crin e seguirei crendo na vida do rural.