martes 11/5/21

O home do tempo vive na comarca de A Limia e chámase Guillermo Budiño

Acaba de recibir o premio Aemet por 43 anos de traballo

    O feito de levar 43 anos recollendo datos meteorolóxicos de forma ininterrompida, converten a Guillermo Budiño Cajaraville no home do tempo da Limia. Chegou á comarca no ano 1971 como funcionario do Ministerio de Agricultura. A estación meteorolóxica existía xa dende 1947 e cando faleceu a persoa que a atendía, Guillermo púxose ó mando. Dende entón e de maneira altruísta, comezou a recoller datos de temperaturas máximas e mínimas, de choivas, de nevadas e de todo o tempo da Limia.guillermo_budinho

 

Todos estes anos deron lugar a un completo historial que está en poder da Axencia Estatal de Meteoroloxía ,en Madrid, a cal decidiu premiar a este veciño pola súa importante labor e polo rigor. Así, Guillermo recibiu o Premio Nacional que entrega Aemet e escollérono a el e a dúas persoas máis, entre 2.000 colaborades que ten a axencia por toda España.

 

Recoñeceuse así a súa labor constante na estación situada na pista da Devesa, onde recollía datos dun pluviómetro e dun termómetro. Nestes tempos xa está todo informatizado, pero el segue coa súa labor agora centrada no estudo da relación entre os factores climáticos e os ciclos dos seres vivos. "Apunto datos de cando aparecen as aves, cando se van. Anoto datos de cultivos e a súa relación co tempo, cando florecen as árbores... todo esto faise en paraxes determinadas e cunhas fichas especiais que acaban chegando a Aemet", explica o que poderiamos definir como o Pemán da Limia. Tantos anos collendo datos do tempo que mesmo pode adivinar a temperatura sen mirar un termómetro. 

Este home tan sabio contén unha chea de anécdotas como cando o 1 de xaneiro de 1971 rexistrouse a temperatura máis baixa de -19º, "conxeláronse as patacas e os cereais como o centeo e mesmo se falou del como ano de fame porque o centeo mesturábase con outros para facer pan". Guillermo tamén se lembra do 20 de julio de 1990 cando se acadaron os 42º de temperatura ou de 1978 que foi o ano de máis choiva con 1502 litros por metro cadrado ou do ano máis seco, o 2005, con tan só 436 litros por metro cadrado. 

Apaixonado do tempo, este veciño de Xinzo é consciente dos efectos do cambio climático "hai un descontrol no tempo con noites de verán que xea e días en febreiro nos que fai calor ou mesmo este outono que temos con altas temperaturas" apunta. Tamén ve os seus efectos na fauna "antes as cegoñas chegaban polo San Blas, o 3 de febreiro, agora xa as temos por aquí antes de Nadal".

A xente mesmo o para na rúa para preguntarlle polo tempo e como el dí "nunca chove a gusto de todos" eso si, Guillermo apunta que os limiaos poden estar tranquilos, o Entroido virá con bo tempo.

Comentarios