martes 15/6/21

Opositar garantiza un traballo fixo pero acadalo implica un esforzo mental e económico

O sábado comezan as probas para as prazas de emprego público de 2016

opositoras

    "Vexo mal a situación porque si convocan oposicións, pero sacan moi poucas prazas", así define Belén Feijoo a situación actual do emprego público que sufriu un recorte do 6% en 2015, en canto a postos de traballo. Esta muller de 34 anos que reside en Xinzo, preséntase o sábado ás probas de Enfermería do SERGAS. Belén traballa, estuda e é nai e a estas alturas, a falta de catro días para o exame, a presión é máxima. Comparte espazo de estudo con catro mozas máis da Limia que tamén preparan unha oposición. 

"O sistema é inxusto porque a pesar de que saen moitas prazas, o problema é que hai moita xente interina que entrará antes ca min, que van conservar un posto de traballo e a maiores teñen puntos por traballar e ti quedarás sen praza", sinala Antía Pousa de 24 anos que se presenta ás probas de Educación Primaria. Todas elas coinciden en que tería que implantarse un modelo de exame único. "Debería existir un temario oficial e un modelo de exame para todos igual porque en cada Comunidade Autónoma é diferente, incluso por provincias, entón o factor sorte inflúe moito", apunta Antía Izquierdo de 29 anos que acudirá ó exame de Educación Infantil.

O certo é que estudar unha oposición require dun esforzo mental importante, en moitos casos logo de estarse preparando para unha proba durante un tempo, o resultado final é que as prazas non se convocan. A maiores o gasto económico que hai que asumir é elevado "non todo o mundo pode permitirse pagar material, matrícula durante tanto tempo", apunta Lucía Fernández de 29 anos que se presenta á proba de Auxiliar de Enfermería do SERGAS. Falta de diñeiro e en moitos casos de tempo; "as miñas oposicións son para finais de setembro principios de outubro, en marzo volven mudar o temario porque hai unha modificación de lei entón teremos que mercar novos libros e teremos menos tempo para preparar os novos temas", recalca Estefanía Fernández de 29 anos e que prepara o seu exame de Letrado de Administración de Xustiza.

En canto ás prácticas de estudo, coinciden en que a clave está en mentalizarse de que aprobar unha oposición é algo que por norma xeral non sucede a primeira vez que un se presenta. Do mesmo xeito, sinalan que a fórmula que seguen é porse metas semanais para ir conservando os ánimos e a forza para estudar. Outro consello que dan para xente que esté preparando unha oposición ou que vaia facelo, é que non se planten na metade do camiño.

Así as cousas, estas cinco mozas prepáranse a diario e con ilusión para conseguir un emprego para o resto da súa vida e ademáis, como elas sinalan,  un traballo do que lles gusta. No caso de lograr o seu obxectivo insisten en que o premio é a satisfacción persoal e que o celebrarán, como non, cunha gran festa. 

Comentarios