domingo 24/1/21

“Somos dúas rapazas de Lamas moi emprendedoras e lanzadas, o que fai falta nestes tempos de crise”

Lucía e Yolanda veñen de abrir Su_Gar unha tenda de roupa moderna na capital da Limia MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO [email protected] Twitter: @MariaFdezRomero Lucía...
IMG_2091
IMG_2091

Lucía e Yolanda veñen de abrir Su_Gar unha tenda de roupa moderna na capital da Limia

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

[email protected]

Twitter: @MariaFdezRomero

Lucía e Yolanda viven en Lamas e son amigas desde nenas. E xa de pequenas fantasiaban con abrir xuntas un negocio relacionado coa moda. Ese soño, acaba de facerse realidade coa inauguración de Su_Gar, unha tenda con “roupa moderna, para tódalas idades, de bastante calidade e con moi bo prezo”.

Lonxe do que poida suxerir o seu nome nunha primeira ollada, Su_Gar non é mais que a combinación das iniciais dos apelidos destas dúas rapazas que non son para nada principiantes no mundo dos negocios, Sueiro e Garrido. Ambas teñen 31 anos e “non estivemos durmidas ata agora”. Lucía rexenta un bar co seu home en Lamas, e Yolanda un local de ocio infantil en Ourense, “Xogonenos”.

Agora inician esta nova aventura que atenden por quendas, e que de momento “está sendo todo un éxito”. Estas dúas amigas ían cada mañá á piscina xuntas, e dunha delas puxéronse serias, e Su_Gar comezou a tomar forma. “Parecíanos que había necesidade dunha tenda coma a nosa e como somos moi lanzadas, porque tal e como están os tempos decidirse é un pouco complicado, iniciamos este proxecto”, contounos Lucía, que chegaba ao Concello desde Madrid hai dez anos. Pero estas dúas mozas tamén son “moi optimistas” e esperan que os bos resultados destes primeiros días se manteñan e así “poder seguir investindo no negocio”. Inicialmente, fixéronlle un bo lavado de cara ao local que estaba “bastante antigo e deteriorado” , e fixeron tan bo traballo que a propietaria “sorprendeuse moitísimo cando o viu”. E agora pouco a pouco, van traendo mercancía para home e muller, abranguendo case tódalas tallas e intentando satisfacer a tódolos públicos.

Comentarios