domingo 20/6/21
Entrevista

Xoán Jardón: "Hai moi pouca colaboración coa Xunta de Galicia" (I)

Jardón aténdenos no seu despacho da alcaldía pouco antes de que remate o 2016 para respostar ás preguntas do dendealimia.com

Velaquí só a primeira parte da entrevista.

IMG_4639
O rexedor de Vilar de Santos no seu despacho.

Xoán Xosé Jardón Pedras converteuse no 2011 no primeiro alcalde do BNG na provincia que acada un pleno na corporación, sen ningunha oposición. Accedeu á alcaldía en setembro de 2005, ao asumir Xosé Antón Jardón a Delegación de Industria en Ourense, e revalidou o cargo en 2007, 2011 e 2015. A súa hexemonía é incuestionable. Un verso solto da política municipal que saltou do BNG a Compromiso por Galicia e que agora vén de apoiar a En Marea nas últimas autonómicas.

Jardón é Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo e Mestrado en Dirección de Recursos Humanos pola da Coruña. Ten o apoio de máis do 86% dos veciños do municipio e destaca por ser o alcalde nacionalista cos mellores resultados electorais de todo o país.

Aténdenos no seu despacho da alcaldía pouco antes de que remate o 2016 para respostar ás preguntas do dendealimia.com

Cal é o seu balance do ano 2016 a nivel político?

Eu son unha persoa optimista e para nós, como concello, o balance é positivo. Temos adiantado en proxectos que nos marcaramos para esta lexislatura e fóronse pechando moitas cousas. A nivel máis xeral, a comarca ten unha serie de problemas que seguen sen se tocar. Hai moi pouca colaboración coa administración autonómica. A nivel nacional galego houbo unhas eleccións e hai un novo goberno que, supostamente, está lexislando.

A Xunta está apostando polas cabeceiras de comarca e esquécese de algunhas vilas como a nosa.

A que se debe esa falta de entendemento coa administración autonómica?

É algo que percibo eu como alcalde dun concello pequeno desta comarca, pero é a realidade. Sempre reivindiquei que estamos e vivimos na comarca agraria máis potente de Galicia co que todo iso significa. Se todos coincidimos niso, hai que se volcar coa situación dese sector agrogandeiro. E iso demóstrase con inversións, como a de poñer en marcha un proxecto de regadíos sociais –que está pendente conxuntamente con Sandiás–. Tamén o resto de regadíos da comarca están aí e non acaban de ir para adiante. Témoonos que pelexar todos os anos, con respecto ás infraestruturas, para que se invirta en camiños e pistas da concentración. As outras administración, como a Confederación Hidrográfica, tampouco están facendo ese esforzo. O ideal sería que a administración autonómica que ten todas esas competencias relacionadas co mundo rural, investira de maneira decidida. E iso non se está facendo en absoluto. Hai determinadas cuestións que seguirei demandando.

Vivimos na comarca agraria máis potente de Galicia, con todo o que iso significa.

E cal é a relación coa Deputación?

Sempre me fan a mesma pregunta. Non teño a mesma cor política pero hai unha cooperación institucional que está funcionando nos últimos anos. Téñennos apoiado no relanzamento que fixemos hai catro anos do Museo da Limia, conseguindo ter apertura todos os fins de semana. Tamén con proxectos puntuais como os plans provinciais, ao igual que teñen o resto de concellos. Eu nese aspecto teño que dicir que hai unha relación normal e fluída. Mais iso non me leva a que sdeixe de pensar que son institucións absolutamente prescindíbeis e todos os fondos que están destinados para esa adminsitración intermedia, que nin tan sequera está na Constitución, deberían ser redistribuídos entre todos os concellos. A min gustaríame que se destinaran máis fondos aos programas provinciais, como se fai nas Deputacións de Pontevedra e A Coruña, que teñen uns plans de servizos e de obras moito máis potentes. Pero ese é outro debate que non sei se se está a dar no Pazo Provincial.

Cal sería o modelo territorial que entende que sería máis produtivo e eficiente para o rural?

Eu non estou na posesión da verdade, pero a miña opinión dende o punto de vista político, é a de defender o papel primordial e básico dos concellos. Ademáis temos demostrado nesta época que somos as administracións máis eficientes de todo o organigrama administrativo e da superestrutura do Estado. A xente esquécese de que os concellos tamén somos Estado. Prestamos os servizos que podemos, como podemos e con moi poucos recursos. As competencias están case todas na administración autonómica e as poucas que temos, facemos o posible por executalas. Hai que profundizar no sistema de cooperación cos concellos. 

Un recente estudo do Instituto Galego de Estatística determinaba que a provincia de Ourense perdería, de aquí a 15 anos, un 30% da súa poboación. Estamos falando dun problema que xa vén de lonxe como é a baixa natalidade e a alta mortalidade do rural ourensán. E nese contexto, Vilar de Santos semella que resiste en comparación con outros municipios. Cales deberían ser as solucións a aplicar por parte das institucións para evitar esta constante sangría demográfica?

Estamos nun proceso global e hai outro estudo da ONU que fixa que máis do 70% da poboación mundial estará agrupada, no 2050, en grandes centros urbanos. Parece que o levamos dicindo uns cantos dende hai moitos anos agora converteuse nun mantra. Apostar polo mundo rural non vale de nada se non hai unhas políticas efectivas para procurar que a xente traballe e viva no rural como no mundo urbano. Hai un evidente desinterese político polo rural que conduce a unc recente envellecemento. Aquí en Vilar de Santos témonos mantido de poboación nos últimos anos porque levamos apostando nos últimos vinte anos por un modelo que consiste en ter a maior cantidade posible de servizos que lle poidamos prestar aos nosos veciños aquí. E para mostra o noso polígono industrial de promoción e propiedade municipal para dotar de servizos ao emprendemento e ás empresas que hai e se instalan en Vilar de Santos. Debemos defender que o rural debe ter acceso aos mesmos servizos e nas mesmas condicións que o mundo urbano e, como isto é máis complexo, os concellos do rural deberiamos ter unha discriminación positiva nos ingresos. Para isto habería que ter en conta factores de dispersión e de envellecemento. Hai que camiñar cara esa potenciación de recursos, porque o retorno será positivo. Precisamos inversión e planificación decidida para unha comarca coma esta, que é a comarca agraria máis improtante do país. E esas políticas deben ser transversais e dende todos os puntos de vista. 

Apostar polo mundo rural non vale de nada se non hai unhas políticas efectivas para procurar que a xente traballe e viva no rural como no mundo urbano.

Que lle ofrece Vilar de Santos a un grupo de xente nova para que monte unha empresa aquí en troques de en Xinzo ou Ourense?

É unha pregunta complexa. Non temos unha axuda económica directa como concello porque os nosos recursos non dan para iso. Pero poñemos a disposición, naquilo que entra dentro da nosa competencia, solo industrial cun prezo social (20 € o metro cadrado). A isto súmase toda a dotación de servizos adicionais que fan falla como facilitar todo o proceso de licenzas poñendo os servizos municipais apra que iso se faga en tempo e forma, interesándose por ese expediente e asesorar dun modo básico, porque nin queremos nin debemos substituír á iniciativa privada, sobre os tipos de axudas que poden ter ou a busca de financiamento. Toda a experiencia que tivemos nos últimos anos de xerar constantemente proxectos aquí, posibilítanos darlle un pouco a volta a esa experiencia poñendo a técnicos de emprego ao servizo dos veciños. Nesta liña estamos traballando nun proxecto que consiste en poñer en marcha un centro de iniciativas empresariais –no edificio do antigo Centro de Saúde– que terá unha serie de dependencias e despachos para toda a xente da comarca que queira establecer un primeiro espazo para o seu negocio. A idea é que poida conducir cara unha pequena lanzadeira de proxecto empresarais. Iso será unha realidade neste primeiro trimestre. É un proxecto pequeniño que ten esa ambición de facer de complemento a todos eses servizos dos que xa dispomos. A Xunta está apostando polas cabeceiras de comarca e esquécese de algunhas vilas como a nosa.

IMG_4642

E que outros obxectivos ou previsións hai de cara a este ano 2017?

Nós temos un problema identificado co casco urbano da vila. Hai moitas casas abandoadas ou en proceso de ruína de moita xente que está fóra de Galicia. Nós fomos declarados área de rehabilitación integral pola Xunta e entramos dentro dun plan estatal de vivenda. Estamos xa nunha segunda fase con proxectos de rehabilitación concretados e estamos á espera de que se produza a renivación dunha nova fase. Paralelamente a iso, toda aquela inversión que poidamos canalizar cara aí, seguirémolo facendo.  Como obxectivo prioritario, mercaremos inmobles en mal estado apra os rehabilitar e poñelos a disposición da xente nova. Noutra orde de cousas, formulámonos unha consolidación do sistema de servizos sociais e de benestar do concello. Temos un servizo de axuda no fogar moi potente e universal que crea benestar atendendo á xente na súa casa e evitando que marche para a cidade. Ao mesmo tempo estamos creando emprego público. Tamén iniciamos o proceso de ampliación da vivenda comunitaria e do Centro de Día. Nesa liña, tamén pretendemos continuar coa Escola Infantil para dar un servizo de conciliación de primeira orde. Por último, continuaremos consolidando o noso tecido económico comezando polo sector agrario.

(Ata aquí a primeira parte da entrevista)

Comentarios