martes 22/9/20

Os hoteis rozan o 100% de ocupación a dúas xornadas de que comecen os días fortes de Entroido

Os hostaleiros temen cancelacións ante a previsión de choiva para a fin de semana

Os hoteis rozan o 100% de ocupación a dúas xornadas de que comecen os días fortes de Entroido

    O Entroido supón unha revolución na vila e nos arredores en canto a negocios de hostalería se refire. As reservas de habitacións nos hoteis de Xinzo xa comezaron antes de Nadal. Os máis previsores mesmo prefiren gardar o seu cuarto de ano en ano para evitar quedar sen sitio para durmir. A maioría son grupos de amigos pero cada ano comeza a medrar o número de familias que veñen ó pobo a gozar da festa. 

Así as cousas, a dous días de que chegue a fin de semana grande do festexo, os hoteis aínda teñen algunha que outra habitación libre, boa sinal tamén para aqueles que reservan a úlitma hora. 

A estes complexos hai que sumarlle os pisos que se alugan por días nestas datas e que fan que Xinzo multiplique a súa poboación nos días de Entroido. Con todo a xornada na que máis afluencia de visitantes rexistra a vila é o sábado.

Para estes días especiais os hostaleiros tamén inclúen nas súas cartas menús típicos de Entroido. O que máis éxito de pedidos ten é o tradicional cocido e como non, de postre, orellas e filloas. 

Agora todos están pendentes do ceo, os que participan na troula e os que gañan con ela. Os donos dos establecementos de hostaleria temen que o mal tempo traiga consigo cancelacións de última hora. A previsión meteorolóxica non é moi alentadora, prevee choiva para toda a fin de semana. Con todo o estado da atmosfera pode mudar en cuestión de dous días, e cabe manter a esperanza de que a quen lle gusta o Entroido, non lle teme ó mal tempo. 

Comentarios