martes 14.07.2020
DESFILE MARTES OU DOMINGO, ESA É A CUESTIÓN

A polémica polo DESFILE, xa está nas rúas e nas "redes" de Xinzo

 “Gran erro” “Xa non saben que facer” “Renovarse o morir” “hai que mirar polos negocios da Limia”

CARNAVAL ENTROIDO EN XINZO FIGURA DE LA PANTALLA
CARNAVAL ENTROIDO EN XINZO FIGURA DE LA PANTALLA

Fai uns días informábamos aos nosos lectores dun cambio na programación do Entroido desde ano: o desfile será definitivamente o domingo de piñata pola mañá. Isto non deixou indiferente a ningún dos limiás e así o amosaron nas nosas redes sociais!

Cartel entroido 2020Son moitas e moi diversas as opinións aportadas ao longo dos comentarios cos que o pobo de Xinzo quixo amosar o seu apoio ou rexeitamento a esta innovación. Mentres algunhas persoas consideran un gran acerto por parte da organización o cambio de día, outras cren que é un verdadeiro erro e que unicamente vai posicionar ao noso Entroido nun mal lugar.
O ano pasado o desfile cambiou a súa data orixinal do martes ao domingo de piñata por cuestións climatolóxicas, sendo todo un éxito. Con todo, moitos lectores temen que se repita a situación do 2019 e o tempo impida a realización do desfile no domingo de piñata, tendo en conta que posteriormente sería imposible a súa realización, a non ser que se alongara aínda unha semana máis de Entroido.
Unha parte do pobo de Xinzo considera un “gran erro” e unha falta de respecto á tradición este cambio, criticando as “ansias de ser diferentes” que amosa de maneira constante a organización desta festa. “Xa non saben que facer” ou “o que buscan é acabar co entroido” son algúns dos comentarios que atopamos no noso post, nos que aseguran que con este cambio unicamente “seguiremos mirando para Verín ou Ourense, que si fan as cousas ben”.

Por outra banda, os limiás falan tamén da enerxía coa que se chega ao domingo de piñata, sendo incompatible co establecemento deste como o día grande. Un dos comentarios sinala que “hai xente que pediu os días no traballo para vir ao entroido e o desfile xa o perden” e outro advirte que “se se fai o domingo irei pero vestida de calle”.

Non obstante, outros dos comentarios recollen a consideración deste cambio como un acerto total, apoiándose fundamentalmente no éxito do ano anterior, desfile no que houbo moitas máis persoas que o normalmente día grande, martes. “Renovarse o morir”, asegura un dos nosos lectores, que se ve apoiado por outros que aseguran que “hai que mirar polos negocios da Limia”, supoñendo este cambio un beneficio para eles.

A polémica entre os veciños xa está servida, e só queda agardar que o Entroido manteña a súa calidade e a súa garantía como a festa máis importante de Xinzo de Limia.