sábado 30.05.2020

A RESERVA DA BIOSFERA TRANSFRONTEIRIZA GERÉS-XURÉS ESTREA NOVA IMAXE CORPORATIVA E CONTARÁ CON PÁXINA WEB EN 2018

Durante a xuntanza, presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, informouse tamén da creación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia

Reunión dos membros en Lobios
Reunión dos membros en Lobios

A Comisión de Dirección da Reserva da Biosfera Transfonteiriza Gerês- Xurés aprobou hoxe a nova imaxe corporativa que servirá como marca identificativa da entidade a partir de agora. Durante unha reunión celebrada en Lobios, os membros da comisión tamén lle deron o visto bo ao proxecto para poñer en marcha a primeira páxina web institucional da entidade o vindeiro ano, unha plataforma que entre outras funcionalidades, ofrecerá ampla información sobre esta reserva natural, permitirá descargar rutas a pé neste espazo e reservará un espazo ás empresas da zona para que poidan dar a coñecer os seus produtos.

Ambas actuacións están financiadas con cargo ao proxecto europeo POCTEP Gerês-Xurés dinámico, que conta cun orzamento global de 1.971.901,55€ e se desenvolverá ata o 31 de decembro de 2019. A relevancia deste programa vén dada polo feito de que esta reserva é o único espazo natural protexido de carácter transnacional localizado na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e polo feito de incluír actuacións específicas para consolidar a imaxe da reserva e fomentar a participación social e a integración institucional e sectorial nas actividades que nela se desenvolven.

Durante a reunión de hoxe, presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, os membros do órgano directivo puideron coñecer o deseño do novo logo da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (xúntase a imaxe coa nota de prensa) así como os avances na web corporativa da Reserva, a primeira páxina con carácter institucional que terá a entidade. Así mesmo, tamén se deu conta doutras actuacións a desenvolver polos socios o vindeiro ano 2018.

Representantes portugueses e galegos

171220 logo reserva biosfera XurésO órgano de dirección da Reserva está formado, pola parte portuguesa, polo Instituto de Conservación da Natureza e as Florestas (ICNF), a Comisión de Coordinación para o Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N), un representante do comité MaB de Portugal e un representante das Câmaras municipais. Pola parte galega, está representada a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, un representante dos concellos incluídos na Reserva da Biosfera e un representante do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama).

Por outra banda, a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, que ostenta a presidencia da reserva, informou a todos os membros do consello da recente aprobación por parte do Consello da Xunta do decreto polo que se crea a Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Un dos obxectivos desta nova figura, na que se integran actualmente 6 reservas, é propiciar a colaboración, o intercambio de experiencias e o contacto con outras redes territoriais ou tématicas do Programa Home e Natureza da Unesco.

Neste sentido, a reserva Gerês-Xurés, ademais de formar parte da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, é a única con carácter transfronteirizo en toda a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, polo que a súa experiencia transnacional aportará un valor engadido á rede galega.

Comentarios