domingo 23.02.2020

Xuvemprende promove a plantación de castiñeiros para recuperar os soutos do Xurés

Xuvemprende promove a plantación de castiñeiros para recuperar os soutos do Xurés

    O sábado será unha xornada dedicada á natureza na parroquia de Puxedo, en Lobios. A asociación Xuvemprende pon en marcha a plantación e o apadriñamento de castiñeiros no Souto das Fontiñas. Terá lugar o vindeiro sábado 15 a partir das 10.30h cando dará comezo a programación cunha charla sobre a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) da Castaña de Galicia. 

Este acto terán lugar no centro social de Puxedo onde se levará a cabo un taller sobre a castaña e a gastronomía galega. Contarán coa presenza do xerente da empresa Castañas Petelo de Allariz. 

A partir das 17h os asistentes procederán a plantar os castiñeiros no souto que resulta ser un bosque arrasado polo lume fai dúas décadas. Cada persoa terá unha árbore para plantar á que lle porán un cartel co nome para proceder a apadriñar o castiñeiro e comprometerse así ó seu coidado. 

O obxectivo que persegue esta actividade é encher de vida o monte e axudar á recuperación das zonas afectadas polos incendios. Así mesmo dende Xuvemprende queren poñer en valor un froito tan propio do rural como é a castaña, e que consideran que se está perdendo nos últimos tempos. 

Comentarios