Medio Ambiente notificou o pasado venres á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a apertura dos catro expedientes sancionadores

EMBALSE DE SALAS, MUIÑOS 01
Medio Ambiente notificou o pasado venres á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a apertura dos catro expedientes sancionadores
Un deles polo baleirado do encoro de Salas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda notificou o pasado venres, 3 de setembro, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) a apertura dos catro expedientes sancionadores, pola súa responsabilidade no baleirado doutros tantos encoros hidroeléctricos da conca da súa competencia.

Así, a Consellería notificou a incoación dos expedientes polos que se impón ao organismo estatal a sanción máxima prevista na lei por cada un dos encoros nos que permitiu que se efectuara un baleirado susceptible de afectar á fauna piscícola: Cenza, As Portas, Salas e Belesar.

“Se a Confederación non é nin sequera capaz de abrir as notificacións oficiais, é normal que non soubera notificar á Consellería o baleirado dos encoros cando foi informada polas concesionarias e estando obrigada a facelo conforme á lei”, sinala a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Vázquez Mejuto apunta a que o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, “segue tratando de eludir un problema gravísimo da súa competencia, facendo como se non fora con el cando o procedemento legal explica claramente como ten que actuar”.

“Estou sorprendida pola deixadez e a ignorancia administrativa mínima que se lle supón ao presidente dun organismo estatal serio”, engade.

A Confederación, máxima autoridade respecto ás actuacións hidráulicas que se executan na conca do Miño-Sil, “obviou e segue obviando a súa responsabilidade legal” ao non trasladar á Consellería a petición da autorización necesaria ante un posible baleirado, e que esta puidera informar sobre as medidas a adoptar, permitindo así o desaugue sen as actuacións necesarias para protexer á poboación ictícola.

“A propia ministra para a Transición Ecolóxica e a vicepresidenta do Goberno central recoñeceron onte que teñen competencias plenas nestes encoros e ferramentas para actuar nos mesmos. Por iso, carece de sentido que o presidente da Confederación desminta isto é, ademais, leve semanas tratando de botar balóns fóra sobre esta cuestión que, como digo, lle incumbe por completo”, conclúe Ángeles Vázquez.

Por último, a conselleira lembra que a Xunta remitiu sendas cartas o pasado 25 de agosto con relación a estes feitos ao presidente da CHMS e á ministra para a Transición Ecolóxica, “dúas misivas que, a día de hoxe, seguen sen ter unha resposta oficial, o cal constata as ansias do Goberno central por escapar desta cuestión”.