miércoles 12/5/21

Muíños, será a capital do piragüismo galego

O municipio ourensán acollerá o vindeiro sábado, 8 de xuño, o Campionato Galego de Xóvenes Promesas

Presentaci..n Campionato Galego de X..venes Promesas de Pirag..ismo a celebrarse en Mui..os. Asisten Manuel Baltar (Presidente Deputaci..n), Pl..cido ..lvarez (Alcalde en funci..ns do concello de Mui..os), Fredi Bea (Presidete Federaci..n Galega de Pirag..ismo), Jos.. Manuel Fern..ndez (Delegado Federaci..n Galega de Pirag..ismo en Ourense) e ..scar Le..n Dominguez (Representante do Club Fontefr..a de Pirag..ismo),

O municipio limián  de Muíños converterase o vindeiro sábado, 8 de xuño, na capital do piragüismo galego coa celebración do Campionato Galego de Xóvenes Promesas. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; o presidente e o delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea e José Manuel Fernández; e en representación do Club Fontefría, Óscar León Domínguez.

O presidente do goberno provincial dixo que esta competición conxugará “o deporte coa riqueza natural e paisaxística dunha das mellores postais da nosa provincia”. “Trátase dun evento único que se celebrará tamén nun entorno único froito da boa sinerxía que existe entre a Deputación de Ourense, a Federación Galega de Piragüismo e os concellos da nosa provincia, que sitúa a Ourense nun referente dos deportes acuáticos”, engadiu Baltar.

Alfredo Bea reafirmou o papel da provincia de Ourense no piragüismo galego destacando o apoio que se fai, desde a Deputación como desde os concellos da provincia, ao piragüismo na provincia de Ourense “o que fai que nunha recente competición de xóvenes promesas dos alevíns e benxamíns, por primeira vez na historia, un club de Ourense foi quen de quedar entre os tres primeiros”. Así mesmo, o presidente da Federación Galega de Piragüismo lembrou que o ano pasado “a organización do evento foi un éxito sendo a regata con máis participantes de todo o calendario galego, chegando case aos 700 cativos, e os clubs quedaron sorprendidos coa calidade das instalacións, idóneas para acoller deportes náuticos”.

Neste mesmo sentido, o alcalde de Muíños sinalou que o ano pasado “recibimos o primeiro premio á regata mellor organizada en Galicia, recoñecemento que esperamos revalidar este ano”. Ademais, Plácido Álvarez, quen agradeceu o apoio da Deputación ás iniciativas do seu municipio, destacou o traballo do Club Fontefría “por manter durante tantos anos o piragüismo en Muíños”. Pola súa parte, Óscar León agradeceu ás institucións “o seu apoio para poder organizar este evento un ano máis” e explicou que está continuará a ser “nesta liña de traballo para situar a Muíños e á provincia de Ourense no lugar que merece no piragüismo galego”.

O Campionato Galego de Xóvenes Promesas, no que participarán o “50% dos mellores cadetes que ten España”, dixo Fredi Bea, forma parte da iniciativa “Xurés Experience” na que se unen os concellos da Baixa Limia para promover natureza, deporte e gastronomía, e que conta coa colaboración da Deputación de Ourense.