O proxecto Raia Termal dinamizará a Baixa Limia

Imaxe de arquivo do Balneario de Lobios.
O proxecto Raia Termal dinamizará a Baixa Limia

Deste proxecto beneficiaranse os concellos ourensáns de Bande, Lobios, Muíños e Cortegada, así como os municipios portugueses de Melgaço e Terras de Bouro.

As contornas fluviais dos ríos Miño e Limia serán obxecto de novas actuacións que permitan atraer máis turismo e ofrecer paisaxes máis atractivas para os visitantes. Iso é o que pretende o proxecto "Raia Termal", do que se beneficiarán os concellos ourensáns de Cortegada, Bande, Lobios e Muíños, así como os municipios portugueses de Melgaço e Terras de Bouro.

O programa comezou a andar o pasado día 23 coa reunión constitutiva da Xunta Directiva.

O programa comezou a andar o pasado día 23 coa reunión constitutiva da Xunta Directiva. Ao encontro asistiron, ademais dos alcaldes beneficiarios, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

O obxectivo pasa por impulsar unha estrutura conxunta para que as contornas termais poidan valorizarse en termos económicos.

Francisco Marín asegurou que o proxecto contará cun orzamento de algo máis de 2,5 millóns de euros, dos cales o 75% proveñen de fondos europeos. As actuacións previstas dividiranse en seis eixos. Dous deles serán comúns a todas as áreas estudadas incidindo na difusión, coordinación e xestión do proxecto. O obxectivo pasaría por impulsar unha estrutura conxunta mediante o deseño de iniciativas para que as contornas termais poidan valorizarse en termos económicos.

Porén, o resto de ámbitos de actuación contemplan a vertebración dunha nova rede de termalismo transfronteirizo, a recuperación ambiental e posta en valor das contornas naturais, a recuperación de infraestruturas e elementos patrimoniais ou a xestión conxunta e promoción de recursos e itinerarios.