martes 02.06.2020
NOTA DE PRENSA DE ADEGAL

ADEGAL únese a plataforma da Xunta MERCAPROXIMIDADE

Grazas a este acordo a  pataca da Limia da variedade Agria xa se pode encontrar en Vegalsa-Eroski, Gadis, Froiz, Carrefour, Grupo Cuevas e Lidl
ADEGAL únese a plataforma da Xunta MERCAPROXIMIDADE

ADEGAL, ante  a situación extrema que xera o estado de alarma, e entendendo tamén que o sector agrogandeiro desenvolve un papel fundamental e estratéxico nestes momentos excepcionais, debemos seguir velando por el, e neste caso pola comarca agraria de Galicia, a Limia.

ADEGALAsí, cabe lembrar que a bisbarra da Limia conta con explotacións agrícolas e con  industrias profesionais que destinan a maioría do seu produto para a restauración e a industria. Por isto, ante o peche da hostalaría e da restauración, cumpría darlle un pulo e mellorar o apoio a este sector primario, co obxecto de frear a perda de ingresos destes profesionais e garantir a supervivencia do motor principal da dinamización económica da zona.

Tendo en conta isto e tamén a posta en marcha da canle “Mercaproximidade” impulsada pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, ADEGAL decidiu sumarse á iniciativa para apoiar ao sector e axilizar a saída de pataca cara ás cadeas que neste momento permanecen abertas para a venda á cidadanía.

MERCAPROXIMIDADE naceu como unha canle alternativa para a comercialización, concibida para darlles saída aos produtos agroalimentarios galegos afectados polo peche da hostalaría e dos mercados municipais durante a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.

No marco da rede “Mercaproximidade”, as cadeas adheridas adquiren durante o estado de alarma os produtos agroalimentarios que actualmente non poden comprarse nas feiras locais nin consumirse nos restaurantes ou establecementos de hostalaría. Con esta acción, ademais, impulsan a venda destas producións entre o consumidor final.

A raíz desta iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e á que se sumou ADEGAL no seu primeiro día de vixencia, actualmente, a asociación conseguiu colocar no mercado parte deste excedente de pataca (4.000.000 kg).

Esta colaboración xa é un éxito, e a pataca da Limia da variedade Agria xa se pode encontrar en Vegalsa-Eroski, Gadis, Froiz, Carrefour, Grupo Cuevas e Lidl, a un prezo acorde ao mercado para unha pataca de calidade e extraordinaria a nivel culinario.

Animamos a todos os galegos e galegas a que merquen este produto, que  cumpre toda a normativa hixiénico-sanitaria e de calidade alimentaria, axudando a paliar a inmediata perda de ingresos de persoas agricultoras e gandeiras que ven así sensiblemente afectada a entrada ordinaria de recursos económicos para o sostemento de familias no rural.

Reiteradamente, mostrar o agradecemento a todos aqueles profesionais que traballan no sector agrario, que se esforzan día a día en obter produtos da máxima calidade para seguir alimentando a poboación, demostrándose una vez máis o papel fundamental que desempeñan a diario e que en situacións extremas como a que estamos a vivir, demostran o seu carácter estratéxico, sen esquecer, como non, aos sanitarios, tendas e superficies comerciais, ao sector do transporte e ás forzas de seguridade.