sábado 8/8/20

O alcalde de Xinzo máis cerca de sentar no banco de acusados por presunto enchufismo

O alcalde de Xinzo máis cerca de sentar no banco de acusados por presunto enchufismo

    Unha vez que remataron as investigacións a Fiscalía acusará ó rexedor de Xinzo, Antonio Pérez, por unha presunta prevaricación continuada e polo tanto irá a xuízo. A outra acusación vén de parte do sindicato CIG e o seguinte paso agora é apertura de xuízo oral. 

O proceso comezou a finais de 2013 tras varias condenas do contencioso de Ourense por apreciar desviación de poder en numerosas contratacións de eventuais que foron sumando altas encadeadas, co risco de converter a temporais en indefinidos sin as correspondentes probas selectivas. A maxistrada de Xinzo conclúe pois que o alcalde puido facer uso do enchufismo deixando a porta aberta a que os beneficiados pasasen de estar contratados temporalmente a estalo permanentemente.

En total foron analizadas 21 contratacións e segundo recolle a xuíza carecen de "as máis mínimas garantías para a realización dun proceso selectivo en base a criterios de mérito e capacidade, senón máis ben os expedientes tramitados ó efecto, para a contratación de diferentes traballadores, resultaron escuetos e dirixidos a dar unha apariencia de legalidade a contratacións que unicamente perseguían colocar e manter nun determinado posto de traballo a determinadas persoas, eliminando a posibilidade de acceso de outros candidatos existindo en case todos os informes desfavorables de secretaría e intervención".

Así o recolle o xuíz e engade que "eliminouse a posibilidade de acceso a outros candidatos coñecendo a persoa investigada o inxusto da súa decisión".

Ante estes feitos considera que existen claros indicios de que Antonio Pérez cometeu un delito continuado de prevaricación administrativa na súa condición de alcalde de Xinzo de Limia. Serían polo tanto contratacións que se fixeron sen seguir o procedemento legal e sen facer caso dos informes desfavorables emitidos polos técnicos do Concello. 

Pola súa banda o alcalde na súa declaración como investigado argumentou que os informes de secretaría e intervención foran falseados e destacou que ningún técnico lle realizara advertencias en contra.

A xuíza en cambio mantén que "os informes de secretaría e intervención, si ben certo poseen data de rexistro posterior á contratación efectuada, pudo deberse a meros formalismos, sendo redactados por escrito con posterioridade, pero sen que con eso poida deducirse que foron realizados sen terse efectuado anteriormente, no momento da proposta de contratación na Xuna de Goberno, a reprobacion ou informe desfavorable de forma verbal". 

Engade que "tampouco cabe entender que o alcalde descoñecía o contido de ditos informes, pois tal extremo sería en todo caso pouco creíble e suporía un actuar neglixente".

Polo momento Antonio Pérez non tomou ningúnha decisión política á espera de que se proceda á apertura de xuízo oral.

 

Comentarios