sábado 31/10/20

Ángel Cocho da nome ao auditorio limiao

O salón de actos da Casa da Cultura rebautizouse na honra do que fora director do colexio Santa Mariña REDACCIÓN [email protected] Twitter: @Dendealimia Carlos...
IMG_2210

O salón de actos da Casa da Cultura rebautizouse na honra do que fora director do colexio Santa Mariña

REDACCIÓN

[email protected]

Twitter: @Dendealimia

Carlos descubría o sábado unha placa na Casa da Cultura co nome de seu avó. E seu primo Juan lía un emotivo discurso de agradecemento de parte de toda a familia. A familia Cocho De Juan, que a pasada fin de semana presenciaba unha homenaxe a Don Ángel, para eles pai e avó, e para os limiaos “a alma do colexio Santa Mariña”.

Alá polos anos 50, “a ruleta da vida puxo a Ángel Cocho, afortunadamente, en Xinzo”, así o aseguraba seu neto este Día das Letras Galegas ante amigos, ex alumnos e veciños do que foi o director do colexio Santa Mariña por máis de 20 anos. E aquí, converteuse “nun limiao máis”, aquí fixo a súa vida e naceron os seus fillos e “aquí sementou educación”. Este mestre oriúndo da Coruña e provinte de Malagón (Cidade Real) converteuse, segundo Antonio Pérez, alcalde de Xinzo e tamén presente na homenaxe, “en baluarte da cultura nos difíciles anos da posguerra e trampolín para todos aqueles que a pesar da dureza dos tempos quixeron ir á universidade”.

Nun emotivo acto que o Concello quixo facer coincidir coa festa máis grande das nosas letras, o auditorio da Casa da Cultura de Xinzo da Limia foi bautizado co nome de Ángel Cocho Ferrero. En palabras da súa familia, “el estaría moi satisfeito de que o agradecemento e agarimo da vila pola súa labor pedagóxica, se plasme precisamente poñéndolle o seu nome a un espazo para acoller e festexar actividades culturais”. O colexio Santa Mariña que el dirixiu durante máis de dúas décadas foi un foco irradiador de actividades culturais coma a música, o teatro ou a radio e son precisamente “os seus discípulos que a través do estudo puideron construírse como persoas, o seu gran legado”.

En xuño do pasado ano, por iniciativa da Concellería de Cultura dirixida por Carlos Gómez, Don Ángel Cocho convertíase en fillo adoptivo da vila de Xinzo, e neste 2014, centenario do seu nacemento este “referente educativo e cultural da Limia” da nome ao centro neurálxico da cultura no Concello. Despois das palabras de Carlos Gómez, Antonio Pérez e a familia de Don Ángel o acto finalizou coa interpretación do himno do colexio Santa Mariña polas voces do Coro Aimil.

Comentarios