domingo 27/9/20

Aparece unha tartaruga de auga doce no canal de A Lagoa de Antela

Aparece unha tartaruga de auga doce no canal de A Lagoa de Antela

    Unhas veciñas de Sandiás estaban camiñando pola zona da Lagoa de Antela cando se encontraron cun animal pouco común pola contorna. Unha tartaruga duns 40 centímetros de longo chamou a atención destas mulleres. Segundo recollen algúns medios de comunicación, o animal podería levar tempo rondando polo canal. 

Trátase dunha tartaruga de auga de doce de orellas amarelas, un animal que habita na zona este de Estados Unidos e norte de México. Un exemplar que se adapta a case calquera medio acuático agás nos ríos de cauce rápido, de aí que o animal se acomodara no canal de Antela. 

As primeiras hipóteses coas que se traballa son que o animal se escapou de algunha vivenda ou que o seu dono ou dona se quixo desfacer dela deixándoa solta pola zona da lagoa. 

A Consellería de Medio Ambiente vixía de preto estas especies denominadas exóticas. A lexislación española prohibe a solta deste tipo de animais impoñendo penas e sancións. 

Por outra banda o feito de que esta tartaruga vagase polo canal pon en perigo ó resto de especies protexidas pois é un depredador de moitos invertebrados e vertebrados que habitan a área. 

O animal estivo uns días na casa das persoas que o atoparon que tras coidar del decidiron deixalo no mesmo lugar no que fora encontrado. 

Comentarios