A Asociación A Pantalla xa ten nova directiva

Foto asamblea 5-05-2017
A Asociación A Pantalla xa ten nova directiva

"Comeza unha nova etapa na Asociación Cultural A Pantalla", afirman os novos dirixentes.

Unha vez realizados os trámites burocráticos necesarios para a formación da nova Xunta Directiva e tras informar aos socios e socias dos novos compoñentes da mesma e das liñas de traballo que se van seguir, dende a asociación afirman que "comeza unha nova etapa na Asociación Cultural A Pantalla".

Queren manter os proxectos dos pasados anos e iniciar outros novos.

"Queremos destacar que os nosos postos son meramente simbólicos e que se trata dunha asociación estruturada en distintas comisións de traballo que están abertas á colaboración de todos os socios e socias co fin de que sexa o máis participativa posible", comentan os membros da nova Xunta Directiva nunha nota enviada aos medios.

Esas diferentes comisión de traballo nas que se estrutura a asociación –e que están abertas á participación dos veciños– son: educativa, comunicación e relacións públicas, burocrática-financeira, recadación, historia e recompilación, imaxe e redes sociais e organización de eventos.

A asociación colaborará con outras entidades na promoción das máscaras tradicionais da Limia.

Afirman que manterán "os proxectos nos que se leva traballando durante estes anos atrás, como charlas informativas nos colexios ou recollida de material para a asociación". Así mesmo confian en poder "impulsar outros novos proxectos e actividades" así como recuperar algúns coma a cota de socio anual.

"Traballaremos non só na protección e promoción do traxe da Pantalla senón tamén das máscaras tradicionais da Limia, colaborando con outras asociacións e institucións", conclúen no comunicado.