miércoles 12/8/20

O auditorio de Celanova foi testemuña dun crime aínda por resolver

Máis de trescentos espectadores acudiron á estrea de “El Quid”, a primeira webserie de cine negro rodada en España Ciudad Cabo,...
jUdmOIjI_G
jUdmOIjI_G

Máis de trescentos espectadores acudiron á estrea de “El Quid”, a primeira webserie de cine negro rodada en España

Ciudad Cabo, anos cincuenta. O corpo sen vida de Samuel Casanova aparece na casa de baños que rexenta cun tiro na cabeza. A partir deste momento, para o inspector Ledesma e a súa axudante Laura Ríos, todas as persoas próximas ao falecido convértense en sospeitosos. Este é o argumento de “El Quid” a primeira webserie de cine negro rodada en España, para sermos máis exactos, a cabalo entre Celanova e Ourense. Os responsables do proxecto, dous mozos da comarca de Curros, Raúl García e Bruno Nieto. O pasado sábado as case trescentas persoas que nos achegamos ao auditorio Ilduara de Celanova tivemos o privilexio de empezar a desvelar o misterio que esconde “El Quid”, coa estrea dos dous primeiros capítulos e un avance dos vindeiros. Unha homenaxe ao cine negro dos cincuenta que se adapta á modernidade tanto na súa realización coma na súa difusión e emisión. Un cheo completo con amigos, membros do equipo e curiosos que gozamos en primicia dun traballo 100% galego que o resto dos mortais poderán descubrir a partir de mañá,  martes 9 de xullo a partir das 21 horas en www.elquidlaseire.com.

Apáganse as luces e rostros moi familiares do audiovisual galego van aparecendo: Antonio Mourelos como o inspector Ledesma, Sabela Arán encarnando a Laura Ríos ou Monti Castiñeiras como Ignacio Durán, un dos sospeitosos da morte de Samuel Casanova, interpretado por Carlos Pérez. Camila Bossa, Xavier Estévez ou Alejandro Carro entre moitos outros, redondean un elenco de profesionais que ao igual que o resto do equipo colaboraron na filmación de maneira totalmente desinteresada.

Un escaparate perfecto

A gala de presentación dirixida polo premiado nos Mestre Mateo deste ano, Aser Álvarez fixo as delicias dos presentes. O acto contou coas intervencións do alcalde da vila José Luis Ferro, Inés Vázquez, representante de Lareira Pop, a produtora asociada e os dous actores protagonistas: Antonio Mourelos, presidente da Academia Galega do Audiovisual e Sabela Arán, gañadora do Mestre Mateo á mellor  actriz por “Vilamor”.

Son tempos difíciles para o audiovisual galego. Contra esta tendencia loitou “El Quid” recorrendo a amigos que segundo Raúl Gómez “prefiren estar traballando aínda que non cobren, que estar sen facer nada”. Para o celanovés estas ideas son “unha maneira de que os profesionais poidan mostrar á xente do que son capaces e se cadra así conseguir un traballo remunerado”. Así o realizador asegurou sentirse xunto con Bruno Nieto, “responsables de que todo saia ben”, para que “os profesionais se sitúen no escaparate”.

Isto podería ter quedado soamente en boas intencións, se non existise xa un exemplo ben palpable de que a idea era fantástica. A Alba Prol, segunda operadora de cámara de “El Quid” e colaboradora deste medio captárona uns amigos para o proxecto. E hoxe,ten traballo. Os directores da webserie son tamén os responsables do programa da TVG “Casamos!” no que agora a nosa compañeira desenvolve a súa labor profesional. “Non digo que traballar de gratis estea ben” contábanos Alba, “pero eu estaba no paro e necesitaba facer algo, e mira ao final cambioume a vida”.

“En Galicia moitas veces non se sabe valorar o talento”

Antonio Mourelos é o presidente da Academia Galega do Audiovisual, profesor e actor. Seguramente a maioría de vostedes coñecerano polo seu papel de Sarxentos Táboas en Matalobos ou o malo malísimo Gonzalo Lantaño da popular Rías Baixas, entre moitos outros.

Un actor moito máis que consagrado que decide participar neste proxecto de maneira totalmente desinteresada. Nos preguntámoslle por qué. “A principal razón pola que se acepta un traballo destas características é a ilusión que contaxia a xente nova”. Ademais o actor lucense confesounos que se animou tamén coa intención de “devolver o apoio que un recibe da xente que apostou por ti cando empezaches”. Como consello para a xente que empeza, Mourelos recomendou que non deixen pasar as oportunidades que lle brinden no estranxeiro, pois moitas veces “en Galicia non se sabe apreciar o talento”.

Así que xa saben, tódolos martes a partir de mañá teñen unha cita as 21 horas en www.elquidlaserie.com para seguir co misterio.

María Fernández Romero

Comentarios