lunes 28/9/20

A Baixa Limia amence castigada polos incendios

Están activos os lumes nos concellos de Muíños, Entrimo e Lobeira

A Baixa Limia amence castigada polos incendios

    Toca falar de novo dunha xornada marcada polos lumes. Segue activo o incendio que comezou o luns na parroquia de Requiás, no concello de Muíños. Segundo os últimos datos da Consellería de Medio Rural, afecta xa a máis de 500 hectáreas en pleno Parque Natural do Xurés.

A Xunta retirou xa a situación 2 de alerta declarada o martes pola proximidade das lapas ás vivendas de Requiás. Así as cousas a situación empeorou tras declararse outro lume en Maus de Salas tamén no concello de Muíños,  e que estivo moi preto das casas, segundo fontes municipais.

Na Baixa Limia permanecen ademais outros dous incendios activos. Un deles na parroquia de Fraga, en Lobeira, e que afecta xa a máis de 50 hectáreas. O outro declarouse no lugar de A Illa, en Entrimo, e segundo a última información aportada por Medio Rural, arrasou xa con máis de 20 hectáreas. 

A intensidade dos incendios é tal que o fume exténdense por toda Limia e mesmo chega a lugares afastados como Valdeorras. 

Entre tanto os medios de extinción traballan sen descanso para evitar que se propaguen as lapas. 

 

Comentarios