viernes 14/5/21

O capitán da Garda Civil Casas Rivero, xa ten a Medalla do Concello de Xinzo

Pola súa “entrega incondicional a favor dos veciños”

medalla
Momento da imposición da medalla do Concello

A alcaldesa, Elvira Lama, destacou a súa disposición en todas as ocasións requiridas pola administración local, 24 horas ao día e sete días á semana, ademais da colaboración “modélica” que incentivou ca Policía Local.

Despois de que na sesión plenaria do xoves se aprobase o expediente de honra ao capitán da Garda Civil, José Luis Casas, o salón de plenos de Xinzo foi esta mañá o escenario do acto de entrega da Medalla do Concello a este profesional e ao que asistiu o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso. A súa dedicación en prol da seguridade dos veciños foi recalcada pola alcaldesa, Elvira Lama: “Dende a súa chegada a este pobo mostrou a súa entrega incondicional a unha profesión para a que fai falla moita vocación. Puxo o todo o seu empeño en colaborar cos diferentes alcaldes e con esta alcaldesa en canto á seguridade cidadá. A súa total disposición 24 horas e sete días a semana está fóra de toda dúbida. A corporación quere expresar o agradecemento de todo un pobo á súa traxectoria con este acto sinxelo pero emotivo”.

IMG-20210416-WA0022

Pola súa parte, o capitán José Luis Casas agradeceu así o recoñecemento:

“Para min é un honor que recoñezan o meu traballo. Só fixen cumprir coa miña obriga. Sempre foi un pracer colaborar cos alcaldes deste concello, puxéronmo moi fácil. Nunca tiven a porta pechada no Concello e sempre a tiven aberta para o que fixera falta”.

Natural de Vilardevós (1970), superou a oposición no corpo da benemérita, e tralo seu paso pola Academia de Baeza (Jaén) e un ano de garda en prácticas no posto de Riós, foi nomeado Garda Civil profesional. En 2010 ascendeu a tenente e obtivo destino na Compañía de Celanova como adxunto da mesma e con sede en Xinzo. O ascenso a capitán chegou o 6 de setembro de 2020, polo que vén de conseguir o seu primeiro destino no cargo.

En canto ás distincións de carácter individual na súa traxectoria profesional, foi recompensado coa Cruz do Mérito Militar con distintivo branco; coa Cruz de Prata Orden do Mérito da Garda Civil; Cruz da Real e Militar Orde de San Hermenexildo e ca Encomienda da Real e Militar Orde de San Hermenexildo.

Cómpre destacar que o capitán José Luis Casas Rivero integrouse na participación de actos relixiosos coa súa presenza ao lado das distintas corporacións municipais, na festividade do San Sebastián, procesións de Semana Santa ou nas festas patronais de Santa Mariña, entre outras. Dende un primeiro momento, fomentou coa xefatura da Policía Local unha disposición de colaboración que se foi agrandando co tempo, sendo nestes momentos Xinzo un modelo neste sentido. Esta relación de colaboración chegou ata a elaboración do Plan de Autoproteción do Entroido de Xinzo de Limia 2020.