miércoles 23/6/21

Case 100 viños recibiron a distinción Gallaecia 2013

Os sumilleres premiaron os mellores caldos de cada denominación de orixe, nunha votación que segundo o seu vicepresidente foi “unha...
Gallaecia 4

Os sumilleres premiaron os mellores caldos de cada denominación de orixe, nunha votación que segundo o seu vicepresidente foi “unha das máis unánimes que se recordan”

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

Case un centenar de viños recibiron onte a distinción Gallaecia 2013 na XIII edición deste concurso, do que foi anfitrioa Casa A Rousía en Baltar. Os catorce sumilleres da Asociación Gallaecia valoraron un total de 150 mostras de mercado, procedentes das distintas denominacións de orixe de Galicia. Segundo o vicepresidente da Asociación, Luis Paadín “a votación deste ano foi das máis unánimes que se recordan”, segundo o experto “porque a de este ano, foi unha colleita moi igual e agradable”.

O fallo pronunciado onte por este xurado, foi froito dun concurso composto por dúas fases. Unha primeira, na que se cataron cerca de 450 viños polas sedes dos consellos reguladores e unha final, en Casa A Rousía á que pasaron os 150 con mellor puntuación. Mercedes González, presidenta de Gallaecia, explicábanos que o que se valora nestes caldos é a súa tipicidade, ou o que é o mesmo, que atendan “á tipoloxía de cada denominación, das variedades ancestrais e autóctonas”, coa finalidade de que os viños “recorden á zona e ás súas particularidades". Para os bodegueiros esta distinción pretende ser unha palmada nas costas, un premio ao seu traballo e esforzo. Segundo a presidenta, “é tamén unha proba para eles, unha forma de examinar os seus avances” e sen dúbida, “un incentivo que pode axudar á venta”.

Onte celebrouse tamén en Casa A Rousía, o xantar de celebración do XVI aniversario de Gallaecia no que se nomeou Socio de Honra a José Manuel Rodríguez González, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Cambio de mentalidade

Luis Paadín resaltou que é necesario “un cambio de mentalidade urxente” na cultura do viño en Galicia. “Isto é un desastre, non pode ser que en Galicia se vendan 16 millóns de botellas de Rioxa”, reivindicou o presidente de Gallaecia, facendo fincapé en que somos a única zona vitivinícola do mundo onde hai un consumo tan masivo de viño forasteiro. E recoñeceu que se trata dunha anomalía da que “todos somos culpables, produtores, hostaleiros e consumidores”.

Comentarios