martes 20/10/20

Celanova premia a “R” pola súa aposta en favor do galego

Esta é a primeira vez que o galardón “Casa do Poetas” da Fundación Curros Enríquez vai para un grupo empresarial REDACCIÓN A...
SONY DSC

Esta é a primeira vez que o galardón “Casa do Poetas” da Fundación Curros Enríquez vai para un grupo empresarial

REDACCIÓN

A empresa de telecomunicacións “R” recibiu onte o galardón Celanova Casa dos Poetas, outorgado pola Fundación Curros Enríquez co fin de “recoñecer o compromiso que esta compañía ten mantido co noso idioma desde a súa fundación en 1998”,segundo se pode ler na acta de concesión do premio. Unha entrega que rompe coa disciplina de receptores deste recoñecemento, que ata este ano dirixiuse sempre a persoas.

En nome de “R” viaxou ata Celanova Arturo Dopico, conselleiro delegado da empresa, quen recibiu unha medalla de prata coa letra  “C” (en referencia á Celanova, Curros, Celso Emilio e Castor Elices), obra de Asciclo Manzano, de man do alcalde da vila José Luis Ferro e da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo. Dopico, agora patrón de honra da Fundación Curros Enríquez, asegurou que a súa iniciativa “foi unha opción sinceira para tentar que o uso do galego nas novas tecnoloxías fose algo natural”. Foi por este afán normalizador no campo da publicidade e a comunicación cos clientes que o xurado pensou en “R” para este premio, recordaba Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega e encargado de gabar a labor do premiado. Dopico quixo tamén deixar claro que “a  aposta de R por Galicia é permanente e indiscutible”.

Todo isto ocorría onte, ás doce do mediodía no auditorio Ilduara. Entre os presentes ao acto estaban tamén o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, así coma o ilustre celanovés, Xosé Luis Méndez Ferrín. Antes da entrega do galardón, todos estes persoeiros reuníanse fronte ao monumento de Celso Emilio Ferreiro, para realizar unha ofrenda floral con motivo do seu 34 cabodano.

Con este nomeamento da empresa “R” a Fundación Curros Enríquez busca “lanzar unha mensaxe de futuro para a nosa lingua, por entender que Galicia e o galego poden e deben ser ferramentas útiles e válidas no complexo ámbito da enxeñería das comunicacións”.

Comentarios