Os centros sociais do rural ultiman reformas para axustarse á lei e poder usarse como velorios

pena
Os centros sociais do rural ultiman reformas para axustarse á lei e poder usarse como velorios

Os que non pasen a inspección sanitaria terán que deixar de usarse para velar mortos

A finais de 2015 a Consellería de Sanidade emitiu unha serie de escritos ós concellos para solicitarlle que as instalacións dedicadas a velar cadáveres teñen que cumprir co Decreto 151/2014 de Sanidade Mortuoria de Galicia que recolle as condicións para tal uso.

Estas indicacións supuxeron unha revolución no rural onde é común o uso de centros sociais como velorios, a maiores de ser usados como centros de ocio, formación ou reunión. No concello de Xinzo, dos 20 espazos deste tipo que se usan en ocasión para velar mortos, a metade cumpre coas condicións,no resto o Concello está realizando as pertinentes reformas para pasar a inspección de Sanidade.

Segundo o tenente alcalde de Xinzo, Manuel Casas, na súa maioría débese colocar un sistema de refrixeración a 4º-8º, na sala mortuoria que supón un custe de 3000 euros para as arcas municipais. Este espazo ademáis ten que estar separado da zona onde se coloca a xente para velar ó defunto e ter un acceso propio ó exterior para colocar ou sacar o cadaleito sen pasar pola zona común.

Chegada a correspondente inspección, aqueles centros que non cumpran as condicións precisas non poderán usarse como velorios. Os alcaldes da Limia asumen estes traballos coa maior celeridade posible, pois moitas aldeas se verían afectadas por non poder usar eses espazos para velar os defuntos, unha práctica moi común nas zonas do rural.