O Club Ourense Baloncesto e Rubén Riós participan na carreira de Xinzo en apoio ás enfermidades raras

carreira
O Club Ourense Baloncesto e Rubén Riós participan na carreira de Xinzo en apoio ás enfermidades raras

Polo momento conseguíronse recadar 825 euros para loitar contra estas doenzas

A carreira popular de Xinzo de Limia, que se vai celebrar este domingo día 3, ten un caracter solidario. Os participantes corren en apoio das enfermidades raras. Esta axuda tradúcese en que quen desexe apoiar a causa, deberá mercar os quilómetros dalgún dos corredores. Isto é, os atletas poñen á venda un número de quilómetros e quen o desexe pode mercalos aportando o que considere.

O diñeiro donado irá parar á Federación Española de Enfermidades Raras. Polo momento hai 825 quilómetros mercados o que supoñen un total de 825 euros. A data límite para colaborar é ata o día 3 de abril e pode facerse no enderezo

http://www.migranodearena.org/es/reto/8379/muevete-por-los-que-no-pueden-vueltaa-solidaria-a-espana-por-las-enfermedades-raras/

Para incentivar que a xente se implique na causa e merque quilómetros, numerosos participantes están asumindo retos un tanto curiosos. Algúns deles pasan por correr disfrazados, outros asumen facelo coa camiseta do equipo de fútbol que menos lle gusta ou outros pasan por cambios de estilismo.

O certo é que moita xente se está volcando con esta carreira. As últimas incorporacións son a do actor galego, Rubén Riós, e o conselleiro do Club Ourense Baloncesto, Germán Rodríguez. Ambos correrán o domingo en Xinzo baixo o reto "El COB contra las Enfermedades Raras".

A xornada dará comezo ás 10.30h da mañá coa saída dos e das participantes na carreira infantil-cadete con 2.500m. De seguido irán o resto de carreiras, ás 10.55h a benxamín-alevín (1.500m), ás 11.15h a absoluta e relevos (10.000m), ás 12.30 a prebenxamín (350m) e ás 12.40h a carreira pitufos (150m).

Tanto a saída como a meta das probas terá lugar no pavillón de deportes de Xinzo de Limia.