jueves 02.07.2020
Contra a violencia machista

A comarca da Limia conmemora o Día Internacional contra a violencia machista

O CDR O Viso, O CMI de Xinzo e a Cruz Vermella organizan actividades durante toda a semana.

violenciaxinzo
violenciaxinzo

O C.D.R. O Viso, a Cruz Vermella de Xinzo e o Centro de Información á Muller do municipio limián, únense para desenvolver a programación de actividades destinadas a conmemorar o 25 de novembro "Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres".

Dende a organización informan que se levaran actividades participativas ao longo de toda a semana "co fin de visibilizar e concienciar á poboación sobre o problema que supón a violencia contra as mulleres".

Os días 21, 22 e 23 realizaranse actividades educativas nos centros de Educación Primaria de toda a comarca da Limia (Os Blancos, Sandiás, Sarreaus, Baltar, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Rairiz de Veiga) co obxectivo de concienciar aos máis pequenos sobre a lacra da violencia machista en todos as súas formas. O xoves 24, as accións formativas terán lugar nos centros de Educación Secundaria, onde se trataran conceptos de coeducación, igualdade e prevención da violencia.

Xa o propio día 25, venres, de 10 a 12 horas, colocarase na Praza maior de Xinzo unha mesa de información e sensibilización. Alí terán lugar unha serie de actos onde pode participar toda a cidadanía que o quixer. Ás 10:30 horas, o alumnado dos CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro, exporán aos asistentes a actividade que prepararon na aula. En ditas actividades tamén participarán as persoas usuarias do Centro de Día e da Asociación LIMISI. Ás 12h lerase un manifesto de rexeitamento colectivo ante os asistentes.

A programación pecharase o día 26 pola tarde cun partido de fútbol sala mixto no pavillón de deportes de Xinzo de Limia, como xa fora anunciado por este xornal. As inscricións para participar no partido deberán facerse no CIX da Limia de xeito individual e até o vindeiro xoves 24 de novembro.

Comentarios