viernes 30/10/20

Os comerciantes do Multicentro de Xinzo cansos dos destrozos provocados por un grupo de rapaces

Cada luns atopan lixo nas instalacións

multicentro

    O luns a primeira hora cando se abre o Multicentro, os comerciantes atopan restos de botellón e mesmo preservativos nos baños públicos. Levan máis dun ano aguantando esta situación e xa non poden máis. Os responsables destes feitos parecen ser un grupo de rapaces que teñen acceso a un local do Multicentro e que cada fin de semana o usan como un salón privado. Os comerciantes apuntan que antes deles, había outro grupo de mozos que usaban un dos locais na fin de semana pero non causaban problemas. A eles sinaláronos como culpables e expulsáronos ó tempo que cambiaron as fechaduras. Agora ese grupo de xente non acude ó centro pero os problemas continúan por eso se pensa que é outro grupo de rapaces os que fan uso das instalacións.

O feito é que cada luns hai restos de botellón e lixo polo centro. Onde máis se acumula é nos baños, antes estaban pechados pero agora permanecen abertos e calquera ten acceso a eles. Os propietarios dos comercios califican a situación de "vergoña" e están cansos de ter que pagar cos seus cartos os desperdicios causados.  

Outra situación que queren denunciar é o feito de que os máis cativos usen a planta baixa para xogar ó fútbol sobre todo cando chove. Os comerciantes sinalan que usan as instalacións como un parque e a miúdo reciben pelotazos no cristal dos seus escaparates. Apuntan ademais o risco que corren os clientes de recibir un golpe coa pelota.

Os donos dos establecementos do multicentro de Xinzo están fartos e queren facer publica a súa denuncia para que a situación se amañe canto antes.

Comentarios