domingo 20/6/21
satisfación e precaución

O Concello de Xinzo suma máis de 14 días sen novos casos diagnosticados de covid-19 e unha semana sen infectados

A alcaldesa, Elvira Lama, fai de novo un chamamento á prudencia despois de meses nos que a vila sufriu una elevada incidencia e fortes restricións, aludindo á responsabilidade individual
coronavirus-1

Os datos sobre a incidencia do covid-19 no concello de Xinzo de Limia invitan ao optimismo, pero tamén á prudencia. Súmanse hoxe 14 días sen novos casos diagnosticados e unha semana sen infectados. A día de hoxe, a vila está libre do virus, se ben a responsabilidade individual determinará o mantemento destas cifras. O pasado 28 de maio os veciños puideron celebrar por primeira vez en moito tempo a inexistencia de casos activos no municipio, un feito que non sucedía desde que o Sergas comezou a informar diariamente ao concello o pasado mes de outubro.

coronavirusA incidencia do covid-19 foi virulenta na vila, onde se chegaron a contabilizar ata 247 casos activos a finais do mes de xaneiro. As restricións para conter os contaxios sucedéronse no tempo e o municipio destacouse con cores de alerta no mapa para do Sergas que controla os contaxios. A día de hoxe, Xinzo de Limia coloréase de amarelo no mapa que controla a incidencia do virus e, entre outras medidas, limítase a permanencia de grupos de persoas a un máximo de seis persoas en espazos pechados e de dez persoas en espazos ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de conviventes. O uso da máscara tamén é clave para deter os contaxios.

Foron diversas as accións que se levaron a cabo desde o Concello de Xinzo para tratar de frear a pandemia, dende a desinfección de diferentes espazos públicos ata o reparto de material para previr os contaxios. A alcaldesa, Elvira Lama, fai un novo chamamento á prudencia para poder manter os datos: “Estamos na mellor situación desde que se desatou a pandemia e iso debe ser un motivo de satisfacción, especialmente polo esforzo colectivo que está a facer todo o pobo. Pero non debemos esquecer que o virus segue circulando e mentres a vacina non chegue a todos debemos seguir coidándonos. Só mediante a responsabilidade individual poderemos vencer a este virus que foi tan virulento con este concello”.