viernes 30/10/20
Carlos Casares

Os escritores limiáns lembrarán a Carlos Casares

Tamén terá lugar a celebración dun roteiro literario pola comarca da Limia.

roteiroliterariocarloscasares

O Museo Etnográfico da Limia –Vilar de Santos–, o Centro de Cultura Popular do Limia –Xinzo de Limia– e a Fundación Carlos Casares –Vigo– están a promover conxuntamente diversas actividades para celebrar as Letras Galegas 2017 dedicadas a Carlos Casares, co fin de acrecentar e enriquecer o estudo da súa figura e da súa creación literaria, semente de cultura.

A infancia e a adolescencia do escritor transcorren en territorio limiao

A infancia e a adolescencia do escritor transcorren en territorio limiao, cunha intensa vinculación vivencial e emocional que se ha prolongar ao longo de toda a súa existencia. A historia, a xente e a terra da comarca antelá convértense en material literario e inspiran moitas das súas creacións: Vento ferido, Cambio en tres, Xoguetes pra un tempo prohibido, Os mortos daquel verán, Os escuros soños de Clío, Deus sentado nun sillón azul, Un país de palabras, O galo de Antioquía… así como numerosos artigos da súa celebrada columna Á marxe.

144

O sábado 29 de abril celebrarase un encontro de escritores limiaos

Os lugares onde asentan as historias, os relatos, transcenden o espazo físico e pasan a formar parte da paisaxe eterna da fantasía. En Xinzo de Limia, Sabucedo, Lamas, A Forxa, A Filgueira, Morgade, Trandeiras, Baronzás, etc. aínda latexan os ecos das voces que transmiten ao narrador, que tanto gusta de escoitar, a maxia das palabras da oralidade e a firme lealdade á fala.

Entre as actividades organizadas terán lugar dúas moi especiais esta fin de semana. O sábado 29 de abril celebrarase un encontro de escritores limiaos que, pola tarde continuará cun roteiro por diversos lugares da comarca que constituíron parte do imaxinario literario do autor.

Trátase de achegar unha visión personalizada, vinculada á figura e á obra do autor e ao ámbito territorial limiao.

O encontro de escritores de Vilar de Santos quere propiciar a recreación e a lembranza desta relación de Carlos Casares e da súa obra coa realidade limiá, punto de partida desde o que significar a incidencia do homenaxeado na existencia e na creación de cada un dos participantes. Trátase de achegar unha visión personalizada, vinculada á figura e á obra do autor e ao ámbito territorial limiao.

Os relatorios ou comunicacións dos asistentes, así como os traballos premiados no II Certame escolar de creación literaria e plástica, serán publicados nun número monográfico da revista Lethes (Cadernos Culturais do Limia).

Pola tarde terá lugar un roteiro literario pola comarca antelá.

Entre os escritores limiaos que acudirán ao encontro ou enviarán notificacións atopamos a Isaac Alonso Estravís, Luis Álvarez Pousa, Delfín Caseiro Nogueiras, Xosé M. Cid Fernández, Federico Cocho de Juan, Gonzalo Iglesias Sueiro, Rafael Laso Lorenzo, Miro Martínez Cerredelo, Luis Otero, Chus Pato, Xosé Ant. Pérez Bouza, Antón Riveiro Coello ou Xabier Xil Xardón, entre outros.

PROGRAMACIÓN DO DÍA 29 DE ABRIL

MAÑÁ. ENCONTRO DE ESCRITORES LIMIAOS.

(Museo da Limia. Vilar de Santos)

- 11:00. RECEPCIÓN DE ASISTENTES

- 11:15. RONDA DE EXPOSICIÓNS

- 12:30. PAUSA. CAFÉ

- 13:00. TURNO ABERTO

- Actuación musical: Luis Humberto Cao

- 14:15. CLAUSURA

- 14:45. XANTAR                 

TARDE. ROTEIRO LITERARIO.

(Xinzo-Sabucedo-Lamas-Trandeiras-Xinzo)

- 17:00. SAÍDA DE XINZO

(ESTACIÓN DE AUTOBUSES)

- 17:15. CHEGADA A SABUCEDO

- 18:00. PARADA EN LAMAS

- 18:45. CHEGADA A TRANDEIRAS

- 19:30. XINZO

(ESTIMACIÓN ROTEIRO: 2:30 HORAS).

 

Comentarios