martes 20/10/20

Un espectáculo de música, luz e cor

Xinzo de Limia acolleu onte a XXX edición das Xornadas de Folclore MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO Domingo pola tarde, calor e festa...
Xinzo

Xinzo de Limia acolleu onte a XXX edición das Xornadas de Folclore

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

Domingo pola tarde, calor e festa en Xinzo de Limia. A praza Carlos Casares énchese paulatinamente de parellas, amigos e  familias que acudían á que foi a XXX edición das Xornadas de Folclore. Trinta anos leva esta iniciativa enchendo de música e cor os veráns da provincia ourensá, coa visita de grupos de danza tradicional provenientes de todos os ricóns do mundo.

Onte en Xinzo tiñan representación Polonia, Brasil e  Serbia. Todos moi diferentes pero todos a un tempo co máis importante en común, o interese por conservar, divulgar e protexer as súas tradicións en forma de música, canto e baile.

Tres maneiras completamente diferentes de expresaren costumes, crenzas e modos de vida.

Abriron o espectáculo os membros da asociación “Jodelki” naturais da vila polaca de Radziechowy, que acompañados de música de violín enfeitizaron aos espectadores co vo das saias das súas bailarinas e os saltos dos rapaces.Chegou seguidamente o Brasil co seu “Carnaval” e a súa samba de lentejuelas e brillantes. A Compañía Ritmos e Danças Populares Cordapes non esqueceron tampouco a homenaxe aos bailes indíxenas dos seus devanceiros.

O final deste espectáculo de música ao vivo e cultura aínda máis viva, chegou da man do ballet folclórico “Simynov-Tucovic” de Serbia. Un grupo que naceu a finais dos 80 coa intención de mostrar ao mundo as expresións máis tradicionais de todos os pobos que por aquel momento formaban Iugoslavia. Na xornada de onte fixeron gala da súa pericia que lles fixo merecer ser recoñecidos un dos principais embaixadores do folclore do seu país.

En palabras do edil de cultura, Carlos Gómez, foi “todo un pracer e un luxo para Ourense e a vila ter a oportunidade de coñecer o folclore de todo o mundo”, un espectáculo que mereceu como cada ano a cálida ovación de todos os limiaos.

 

Comentarios