sábado 31/10/20

Os expertos indican que este ano a pataca da Limia recóllese sen cumprir o ciclo

patacas

    Algúns agricultores da zona xa comezaron coa recolleita da pataca mentres outros aínda prefiren agardar un pouco máis. Anos atrás por estas datas a actividade nas parcelas da Limia era frenética. Así as cousas o tempo tan cambiante que fixo este 2016 está mudando o comportamento dos cultivos. 

O inverno alargouse máis do previsto e as intensas choivas da primavera provocaron que se atrasase a sementeira da pataca na Limia. A iso hai que sumarlle que cando o tubérculo estaba formándose apareceron os días de calor intensa e a seca, con máis de tres meses sen caer unha pinga de auga. 

Isto provocou por unha banda que os agricultores tiveran que invertir unha cantidade de diñeiro extra en regar os seus cultivos. Aqueles que non forman parte da comunidade de regantes viron como os seus tubérculos secaban antes do previsto, é que as altas temperaturas afectan ó desenvolvemento vexetativo da pataca. 

Os expertos destacan que cando se superan os 30º de temperatura, o tubérculo deixa de medrar e estáncase. De aí que sexa común este ano que nunha pranta de pataca atopemos unhas do tamaño dunha canica e outras de maior tamaño. 

Este 2016 será un ano no que, segundo estiman dende o Sindicato Labrego Galego da Limia, a produción de pataca baixa un 20%. Pola contra será unha tempada de bo prezo de saída ó mercado do tubérculo, pagándose entre 20 e 50 céntimos o quilo. 

Comentarios