viernes 30/10/20

Galegos de por vida

A Casa da Cultura limiá acolle mañá un acto pola normalización lingüística nos cemiterios REDACCIÓN O Grupo de Estudos Históricos da Limia...
Galegos de por vida

A Casa da Cultura limiá acolle mañá un acto pola normalización lingüística nos cemiterios

REDACCIÓN

O Grupo de Estudos Históricos da Limia en colaboración co Centro de Cultura Popular do Limia e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en Galicia, organizan, mañá a partir das 20.30 horas, unha conferencia-coloquio sobre o uso do galego nas lápidas e necrolóxicas.

Con este acto queren resaltar a anómala disfunción existente entre as estatísticas. Un 92% dos habitantes das parroquias da comarca comunícase en lingua galega, pero un paseo por calquera camposanto leva á conclusión de que apenas ningunha tumba aparece escrita neste idioma.

Por este motivo, os promotores desta iniciativa atopan esencial “mudar esta tendencia anómala”, intentando concienciar á poboación da importancia do uso do idioma propio, en tódalas circunstancias da vida. Buscan ademais, a institucionalización do Día de Defuntos como o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia.

O coloquio, que contará coa presenza de Xosé González Martínez, da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, estará presentado e moderado por Manuel Seoane, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia. O acto pecharase coa actuación do “Grupo de Pandeiretas CANTARALAI”.

Trátase ao fin e ao cabo dunha última mostra de respecto aos seres queridos, respectando a lingua que escolleron para comunicárense en vida.

Comentarios