O Galo e o Burro protagonistas en Muíños

Muiños en Festas
O Galo e o Burro protagonistas en Muíños
As festividades gastronómicas da vila comezan hoxe e incluirán un ano máis un espectáculo taurino e unha feira transfronteiriza A troula...

As festividades gastronómicas da vila comezan hoxe e incluirán un ano máis un espectáculo taurino e unha feira transfronteiriza

A troula e a boa gastronomía regresan a Muíños puntuais á súa cita de agosto coa celebración das festas do Galo Pica no Chan e as Sopas do Burro Canso. Un ano máis os comensais poderán desfrutar da carne de polo, a bica e as sopas a base de pan e viño.

Desde esta mesma noite, todos os que se acheguen ao complexo turístico de O Corgo poderán participar na 1º Festa das Praias da Rola que estará animada pola orquestra Azalea. O sábado chegará o momento de degustar o Galo Pica no Chan e as Sopas de Burro Canso que se servirán como comida e cea, respectivamente. Pola mañá, a feira transfornteiriza Expo-Raia de artesanía abrirá a súas portas converténdose un ano máis nun espazo de intercambio internacional. E xusto antes do xantar, as carrilanas descenderán coa súa velocidade trepidante pola estrada que une Mugueimes con Porqueirós. A tarde pasará entre o campionato de tute por parellas, xogos populares e a corrida de touros. O espectáculo taurino contará coa participación de Sebastián Palomo Linares fillo, e contará coa actuación dos Forçados de Lisboa, unha demostración de “rejoneo” e a solta dunha vaquilla que porá a proba a valentía dos afeccionados. En canto se poña o sol, chegará o momento para a música coa V edición do Muíños Dance na praia fluvial de A Rola.

E para os que soporten e sobrevivan a maratoniana xornada do sábado, o domingo esperaralles a inauguración das obras do campo de fútbol de Moreira que iniciarán a súa nova andadura cun torneo de excepción no que participará o primeiro equipo do C.D. Ourense, a Selección da Baixa Limia e o C.D. Muíños.