Iniciouse a construción dos 42 pozos para o plan de riregadio na Limia

Xuntanza dos regantes co conselleiro
Iniciouse a construción dos 42 pozos para o plan de riregadio na Limia
Así llo anunciou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González aos representantes das comunidades de regantes

A Xunta iniciou xa os traballos para a mellora e modernización do regadío da Limia. Estes labores consisten na construción de 42 novos pozos de sondaxe de auga nesta bisbarra ourensá. Así o confirmou o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na reunión desta mañá da Mesa do regadío da Limia, na que participaron responsables das administracións autonómica e central, así como diferentes técnicos encargados de supervisar os traballos.

Desta forma, sinalou González, avánzase na colaboración entre a Xunta e a Administración Xeral do Estado a prol da xestión sustentable da actividade agrogandeira nesta bisbarra de referencia para o rural galego, e que lle permitirá, ademais, “contar con 4.000 novas hectáreas de regadío”, remarcou. Ademais, o conselleiro anunciou que a Xunta constituirá unha oficina de regantes para ter permanentemente informados de todos os pasos do proceso aos propietarios das parcelas e ás comunidades.

Os labores iniciáronse co acopio do material necesario e a disposición da maquinaria para a perforación, unha vez recibida, por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a correspondente concesión para a comunidade de regantes Lamas Ganade, que xunto coas de San Salvador de Sabucedo, Corno do Monte e Alta Limia serán as beneficiarias desta actuación. Na reunión de hoxe avanzouse, ademais, nos trámites para agrupar estas catro entidades, tal e como solicita a Confederación Hidrográfica, para contar cun único interlocutor á hora de desenvolver as diferentes actuacións. Esta agrupación estaría liderada pola comunidade de Lamas Ganade, ao ser a que acumula máis caudal e pozos. Estas actuacións enmárcanse -lembrou González- no investimento de arredor de 36 millóns de euros que destinará a Xunta e o Estado á bisbarra, uns fondos que foron conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego, tal como destacou o conselleiro.

Ademais, o conselleiro explicou que a todo este esforzo investidor cómpre engadir os 600.000 euros que destina o seu departamento, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, para a reparación de camiños na comarca, todo enmarcado no Plan estratéxico do sector agrario da Limia. Nesta liña, o titular de Medio Rural quixo recoñecer e agradecer unha vez máis aos agricultores e gandeiros da Limia, así como aos demais axentes sociais e económicos da comarca, o seu compromiso de avanzar na sustentabilidade do sector, crucial para esta zona.