martes 21/9/21

Intentan roubar a un home en Xinzo polo coñecido como "método do abrazo"

Tres persoas que viaxaban nun vehículo trataron de asaltalo tras preguntarlle polo centro de saúde

    Luis García recupérase do susto que viviu este mediodía cando foi vítima dun intento de roubo. Este veciño de Trasmiras aparcou o seu vehículo na zona do parque da Alameda de Xinzo e dirixiuse cara a estación de autobuses cando eran as 15h da tarde. Nese treito achegóuselle un vehículo con tres persoas no interior e preguntáronlle polo centro de saúde.

luis 1

Cando Luis rematou de darlles as indicacións pertinentes, unha das ocupantes do coche dixo que o ía agasallar cunha cadea polo seu bo acto. Nese intre a muller botoulle a xoia e tratou de amarrar ó home con ela pero como este tiña máis forza conseguiu escaparlle quedándose co obxecto na man, acto que lle produciu feridas. 

A outra ocupante do vehículo situada na parte de atrás insistiu en darlle un regalo e tratou de botarlle outra cadea polo pescozo e mesmo lle ofreceu un bico. Luis retirouse do vehículo e procedeu a avisar ás forzas de seguridade ante a rareza dos feitos que lle acabaran de acontecer. 

luis 3

Segundo relatou a vítima no coche viaxaban dúas mulleres e un home que era o que conducía o coche escuro e os tres tiñan acento estranxeiro.

A Garda Civil leva tempo alertando do que se coñece como "método do abrazo", un sistema de roubo que xa se está extendendo pola provincia de Ourense, recentemente déronse casos na comarca de O Carballiño. O modo de proceder baséase en que persoas de fala estranxeria se achegan principalmente a persoas maiores coa intención de preguntarlle por algo, momento que aproveitan para cometer o roubo sobre todo de xoias e carteiras.

Precisamente a vítima de Trasmiras relatoulle a este xornal que levaba unha cadea de ouro que de seguro os presuntos ladróns lle querían roubar. Agora xa na súa casa recupérase dos nervios que pasou na tarde do xoves. 

Comentarios