A Limia en breve

Forno Vilar de Santos
A Limia en breve
Un traballador falece en Rairiz de Veiga ao precipitarse desde un tellado O home de 58 anos perdeu a vida ao...

Un traballador falece en Rairiz de Veiga ao precipitarse desde un tellado

O home de 58 anos perdeu a vida ao caer dunha altura de cinco metros no lugar de Guillamil nun accidente laboral

Un traballador de 58 anos perdeu a vida esta tarde ao caer desde un tellado situado a cinco metros de altura no lugar de Guillamil, situado no termo municipal de Rairiz de Veiga.

O home que se atopaba traballando no lugar dos feitos, foi auxiliado por unha ambulancia asistencial, un helicóptero medicalizado e persoal sanitario do PAC de Xinzo de Limia. Porén os médicos non puideron facer máis que confirmar o seu falecemento arredor das catro da tarde, despois de que a vítima sufrise un traumatismo craneoencefálico severo.

O Concello de Vilar de Santos recupera o Forno Comunal

Desde o consistorio aseguran que con esta actuación darán resposta a “unha vella demanda, e un paso máis na recuperación do patrimonio etnográfico”

O Concello de Vilar de Barrio iniciará as obras para recuperar o Forno Comunal que na actualidade está practicamente en ruína, satisfacendo así “unha vella demanda”, que supón ademais “un paso máis na recuperación do patrimonio etnográfico”. Para a rehabilitación o consistorio conta cunha axuda económica de AGADER de máis de 23.500 euros.

A actuación centrarase na limpeza de escombros e vexetación no interior do forno, así como a consolidación dos muros e a instalación de nova carpintería, o teito e unha porta. Como gran novidade, desde o Concello anúnciase “un gran lucernario na parte superior, que permitirá a iluminación con luz natural”.

A reforma do Forno Comunal insírese dentro do proxecto liderado pola Área de Rehabilitación Integral de Vilar de Santos, que ten como obxectivo a recuperación desde tipo de construcións.  Xa se finalizaron as obras en outros cinco fornos: Toxediño, Vieiro, Parada, A Ponte e o Mosqueiro, lugares nos que a día de hoxe os veciños fan fornadas habitualmente.