sábado 22.02.2020

A Limia sométese a unha revisión do catastro que pode traducirse na suba do IBI en 2017

A Limia sométese a unha revisión do catastro que pode traducirse na suba do IBI en 2017

    O valor catastral é a base de cálculo da maior parte dos tributos ligados ós inmobles. No caso do Imposto de Bens Inmobles, o IBI, é dos máis importantes para os concellos pois aporta un 30% dos seus ingresos. 

O Ministerio de Facenda pon en macha unha revisión do catastro en 2017 que vai afectar ós concellos de Vilar de Barrio, Sarreaus, Porqueira, Os Blancos, Baltar e Lobeira. O resto de concellos da Limia están catalogados como xa revisados ou pendentes de revisión. 

O que se ten en conta á hora de efectuar estas comprobacións é a antigüidade da construción, o estado de conservación ou o lugar no que se atopa. Estes son criterios que usa o Catastro, dependente do Ministerio de Facenda, para determinar os valores cuxa adaptación corre a cargo dos concellos. 

Agora toca agardar dita revisión e ver de que maneira repercute no temido IBI. O recibo subiu en Galicia entre un 20 e un 30% nos últimos sete anos, coincidindo co incremento do paro e unha baixada dos salarios. 

A preocupación medra entre a poboación pois trátase dun dos impostos que máis cartos esixe. O que custa comprender entre a cidadanía é como tras estallar a burbulla inmobiliaria que supuxo unha perda de valor dos inmobles, como é posible que se disparara o recibo deste imposto. Así as cousas Facenda establece que o valor do catastro nunca pode situarse por encima do 50% do valor do mercado. 

O Instituto Galego de Estatística vén de publicar un informe fiscal que recolle que entre 2011 e 2013, anos máis duros da crise económica, os concellos galegos conseguiron aumentar a súa recadación fiscal un 6%.

Comentarios