sábado 19/6/21
Debido ao éxito de participantes, as xornadas mudan a Casa da Cultura

Mañá comeza o seminario de 30 horas da USC sobre inclusión sociolaboral de migrantes

Venres de 16:00 a 21:00

 

As  xornadas celebraranse na  Casa da Cultura de Xinzo

A exposición terá como sede a Casa da Cultura de Xinzo de Limia. | FOTO: Recuperada.

Novo éxito de participación nunha proposta formativa da USC en Xinzo de Limia. Despois do interese que espertaron as xornadas que levaron por título “Camiños de coñecemento e experiencia” e foron dirixidas a maiores de 50 anos, a Casa da Cultura será nos próximos días o escenario no que se celebrará o seminario “Competencia intercultural, empregabilidade e participación. Vías para a inclusión sociolaboral de persoas migrantes”. Neste caso, a proposta está aberta a toda a poboación e celebrarase os días 28, 29 e 31. Aínda que nun primeiro momento se pensou no salón de plenos para desenvolver a iniciativa, o número de inscritos obriga a trasladala. Serán, en total, 20 horas de formación e seguiranse todas as medidas sanitarias vixentes. Os participantes deberán cumprir coa normativa e asistir ao 80% do curso para a súa certificación.

anagrama uscMañá comezará o programa cunha sesión introdutoria de 16.00 a 21.00 horas. Entregarase o material, presentaranse os contidos e os asistentes recibirán orientacións na realización do traballo individual, ademais de nocións para demostrar as competencias adquiridas no eido social e laboral. Está previsto que ao acto de apertura acuda a alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez. Durante a sesión intervirán os expertos Alexandre Sotelino Losada, Ana Vázquez Rodríguez e Xosé Losada Enríquez.

A programación seguirá o sábado, en horario de 9,30 a 14,30 horas, con nocións sobre a competencia intercultural e para a construción dunha traxectoria profesional no marco migratorio. A inserción socioeducativa como vía para a empregabilidade será outro dos temas a tratar nesta xornada que será dirixida por Miguel Santos Rego e Jesús García Álvarez. Tamén está previsto que ás 13,30 horas se faga a entrega dos diplomas do seminario “Educación e Participación Social: O coñecemento dos valores da sociedade de acollida”, celebrado con anterioridade.

Unha sesión telemática de seguimento dos traballos programouse para o luns, día 31 de maio. Os participantes contarán cunha titoría individual para o seguimento dos traballos e daranse pautas para a súa mellora e optimización.